martes, 10 de xuño de 2014

ISTO QUE É?

O pasado día 2 xuño unha fundación que ten entre os seus asesores fundamentais a grandes empresas privadas interesadas no negocio da asistencia sanitaria, e que funciona como lobby de presión nas administracións públicas, CONVOCOU ós responsables da Consellería de Sanidade e SERGAS (Conselleira, Xerente do SERGAS, e Dir. Xeral de Asistencia Sanitaria) e ós responsables asistenciais da saúde mental (Xefes dos Servizos de Psiquiatría de todas as áreas sanitarias) a unha xuntanza-xantar no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.


A xuntanza aparece patrocinada por un determinado laboratorio farmacéutico, con intereses comerciais inmediatos na promoción dun novo fármaco para o tratamento do alcoholismo; e é organizada por unha empresa promocionadora e facilitadora do éxito comercial, que a dota dunha enganosa apariencia técnica ( invitando ós convidados a debatir un cuestionario no que a metade das preguntas aludían á cuestións que interesan ó laboratorio patrocinador). Non teríamos nada que dicir se os protagonistas deste encontro foran particulares dispoñendo do seu tempo privado, e sen conflicto de intereses. Mais son os máximos responsables públicos da saúde mental, que van ser nin máis nin menos que “convocados” (sic) por esa entidade privada, ca lexitimidade que lle otorga a presencia da Conselleira

Xusto cando se critica públicamente a carencia de planificación da atención á saúde mental, e a redución dos recursos e o deterioro da asistencia; cando se advirte do agravamento dos indicadores de saúde (incremento de trastornos e da taxa de suicidios); xusto agora os máximos responsables déixanse agasallar por un laboratorio farmacéutico e un lobby da privatización, aparentando unha xuntanza de traballo, para liquidar nun par de horas os grandes temas da asistencia á saúde mental. Nunca antes se fixo unha xuntanza deste nivel por iniciativa da Conselleira para definir o plan de saúde mental que se necesita. Pero por riba permiten que as conclusións da conversa as realice un membro da empresa de marketing, e llas presente para a súa discusión .. ós postres do xantar! (sic). 

Para nós este acto é deplorable, desconsiderado ca xente e as súas necesidades, irresponsable por quen debe dar exemplo de austeridade e seriedade na súa función pública, favoritista cunha empresa farmacéutica concreta, e expresivo da incapacidade dos nosos gobernantes sanitarios para dar unha resposta planificadora e asistencial acaída ás necesidades urxentes en saúde mental. Mais tamén decatámonos de que é un acto principalmente de relación social, facilitador do establecemento de contacto directo entre os grandes intereses privados no negocio da atención sanitaria, e os responsables asistenciais, nun momento en que dende a Consellería preténdese un cambio na organización sanitaria. Un movemento máis na preparación da introducción de intereses privados na sanidade pública galega. E todo iso baixo o paraugas de quen ten a máxima responsabilidade da sanidade pública. O dito: ¡Deplorable!. En Santiago a 9 de xuño de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario