O
MGSM promove cos Grupos Parlamentares do Parlamento Galego unha
declaración institucional para o Día
Mundial da Saúde Mental. Pretendemos que a cuestión ocupe o lugar
que lle corresponde nas prioridades das institucións de Goberno de
Galicia.
Con
tal motivo, realizamos
entrevistas con representacións de todos
os grupos, aos
que fixemos entrega dun texto no que se fai unha análise da grave
situación na que se atopa a atención sanitaria, social e legal ás
persoas que en Galicia sofren
Trastorno Mental Grave, finalizando con propostas para respostar ás
necesidades existentes.
Ese
texto, que xerou xa iniciativas parlamentares,
é o que a continuación reproducimos. En próximas entradas neste
blog iremos dando conta da acollida recibida e das iniciativas
en curso.
PROPOSTA
DO MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL AOS GRUPOS PARLAMENTARIOS
DO PARLAMENTO DE GALICIA
Petición
de aprobación dunha resolución na que o Parlamento de Galicia
acorde unha declaración institucional o día 10 de
outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
RESOLUCIÓN:
Neste Día Mundial da Saúde Mental, e seguindo o chamado da OMS co
seu lema “Vivindo con esquizofrenia”, este Parlamento quere facer
visíbel a difícil situación na que se atopan unha boa parte dos
cidadáns que padecen esquizofrenia ou outro trastorno mental
grave -un colectivo estimado nuns 75.000 galegos-, co obxectivo
de alertar aos poderes públicos responsabeis, e encetar un cambio
real nas súas condicións de vida. Lamentabelmente os datos
estatísticos obrigan a unha detida reflexión: unha esperanza de
vida 20 anos inferior á poboación xeral; a máis alta taxa de
suicidios do estado español; sete veces máis risco de sufrir
desemprego; e os máis altos índices de exclusión social.
A crise
económica veu actuar dramaticamente nun duplo fronte. Por unha
banda, a política de recortes nos servizos públicos, nomeadamente
sociais e sanitarios, conlevou un deterioramento na atención
especializada e da cobertura das necesidades sociais básicas destos
doentes, o que condicionou unha maior morbi-mortalidade. Por outra, o
aumento da desigualdade e dos niveis de pobreza, tanto en intensidade
–máis pobreza-, como en extensión –máis pobres, chegando a
sectores cada vez máis amplos-, fixo agromar trastornos psíquicos,
como expresión dos elevados niveis de sufrimento que moitas persoas
están a soportar. Factores como o desemprego, a redución da
protección social e sanitaria públicas, o incremento da emigración,
a perda da vivenda, máis a xeneralizada sensación de inseguridade
ante o futuro, son factores que agravan unha situación, xa moi
preocupante mesmo antes do comenzo da crise. As persoas con trastorno
mental grave, máis as que enferman nunha reacción ao
empobrecemento, atópanse nun círculo de difícil saída: maior dano
á saúde, e menos recursos para seren atendidos.
Os deputados do Parlamento de Galicia son coñecedores desta
situación, tanto polo seu traballo en sede parlamentar -téñense
presentado informes, preguntas, ditames e resolucións, tanto propias
como doutros organismos e organizacións sociais e profesionais,
informando da realidade que viven os enfermos mentais graves na
Galiza-, como pola súa responsabilidade como representantes da
soberanía popular. Correspóndelles pois, de xeito acorde coa súa
misión institucional, feitas as consideracións previas, realizar as
seguintes propostas instando ao seu cumprimento, tanto aos propios
grupos parlamentares, como ao Valedor do Pobo, como mesmo ao Goberno
da Xunta de Galicia, cada un no seu nivel competencial:
a) Instar aos Poderes Públicos, institucións públicas e privadas,
axentes sociais e económicos, e á sociedade no seu conxunto, a
asumir un compromiso real contra o estigma que sofren as persoas
afectadas por trastornos psíquicos. Isto debe conlevar accións de
discriminación positiva e un reflexo nos investimentos para
facilitalo. Cómpre rematar coa discriminación social e laboral
deste colectivo.
b) Poñer equitativamente ao alcance de todo aquel que o precise, os
tratamentos psicolóxicos e médicos, e as intervencións sociais,
que teñan demostrada eficacia para mellorar o dano causado pola
enfermidade mental, no coñecemento de que, con asistencia apropiada,
actitudes solidarias e apoios axeitados, unha boa parte dos enfermos
poderán desenvolver unha vida en condicións de saúde, normalidade
e integración social.
c) A Xunta de Galicia debe aumentar o seu esforzo, sensibilidade e
compromiso coa atención á saúde mental, e máis en particular co
colectivo de persoas afectadas por un trastorno mental grave.
Iso require, en cumprimento das orientacións dos organismos
internacionais de referencia neste ámbito, a adopción urxente de
accións de goberno guiadas polas seguintes orientacións:
- A atención á saúde mental debe ser prioritaria para as políticas sanitarias públicas, mediante o deseño, promulgación e aplicación de estratexias e plans específicos. Estes terán en conta o risco agravado para a saúde mental do contexto actual de crise socioeconómica. Elaboración periódica dun Plan Estratéxico de Saúde Mental.
- Reforzo da atención sanitaria ás persoas con trastorno mental grave, mediante as dotacións profesionais e materiais suficientes, unha organización de recursos axeitada, e a oferta de programas asistenciais específicos e eficaces. En particular no eido máis deficitario: o da atención comunitaria e da rehabilitación psicosocial. Presentación de Plans de Necesidades e Plans Funcionais para todas as áreas sanitarias para a atención dos doentes con trastorno mental grave.
- Potenciar as medidas de protección social ás persoas afectadas por trastorno mental grave e ás súas familias. Cumprimento da Lei de Dependencia.
- Desenvolver políticas activas de emprego dirixidas especificamente a promover a incorporación e sostemento na actividade laboral normalizada das persoas con trastorno mental grave.
- Impedir a promulgación de calquera medida legal que actúe incrementando o estigma ou diferenciando negativamente ás persoas con trastorno mental grave, nomeadamente as actuais propostas de reforma do Código Penal.
O Parlamento de Galicia no ámbito das súas competencias e obrigas
asume ante as persoas afectadas por trastorno mental grave e
as súas familias, e ante a sociedade en xeral, o compromiso de
intensificar o seguimento das políticas da Xunta de Galicia neste
eido e de desenvolver as iniciativas lexislativas e propostas que
procedan para avanzar na concreción das orientacións antes
expostas.
En Santiago
a 10 de outubro de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario