A situación social e sanitaria continúa o seu
agravamento progresivo. O peor en enfermidade mental, pobreza e
marxinación social aínda está por chegar. Mentres
os gobernantes de Madrid e da Xunta felicítanse de acandaren os
obxectivos de déficit, agochan que seis mil millóns de euros
públicos obtéñenos da perda das prestacións por desemprego (dous
de cada tres parados en Galicia non cobra a prestación). E ó mesmo
tempo que as autoridades sanitarias “inventan” sistemas para
manter á xente enferma ocupando cama nas súas casas, presentando
como un éxito de xestión o recorte de camas de hospitalización,
empeoran os datos que informan da saúde mental da poboación e do
aumento das necesidades asistenciais.
A
relación entre pobreza-enfermidade mental-marxinación social e
desesperación está ben demostrada. A Consellería de Sanidade ten
os datos de como se está a agravar a situación xeral neste eido.
Pero mantenos agochados incumprindo o seu deber de información
pública. Tampouco presenta ningún plan de actuación, desatendendo
a súa obriga. Nada nos anuncia en saúde mental un próximo período
mellor. Todo o contrario. A atención á saúde mental tamén seguirá
o seu plan de privatización e recortes.
Neste
contexto faise aínda máis necesaria a presenza, ampliación,
actividade e reforzamento do Movemento Galego da Saúde Mental
(MGSM). Dende que se presentou publicamente hai catro meses, o MGSM
contribuíu de xeito importante a poñer a situación da saúde
mental en lugar relevante entre as preocupacións informativas e
políticas, ampliou e diversificou a súa composición, enfrontouse a
intentos de redución de recursos, denunciou movementos cara a
privatización de servizos, formulou análises e alternativas, e
xuntou a máis de duascentas persoas na Xornada recentemente
celebrada en Compostela.
Comprobamos
que con traballo, razóns, argumentos, e decisión pódese facer
fronte ás actuacións que están a danar o patrimonio sanitario
común, e que poñen en risco a asistencia sanitaria da poboación.
Temos
por diante unha etapa preocupante. Aínda non chegou a crista da onda
do dano social e sanitario causado pola solución que dende os
gobernos central e autonómico se está a dar á crise. Debemos
prepararnos, porque veñen máis intentos de redución do patrimonio
común e dos dereitos sanitarios e sociais, máis limitación ás
prestacións, máis privatización. En definitiva, máis dano á
asistencia á saúde mental da poboación.
Temos
varias tarefas principais para o tempo vindeiro:
- Cómpre ampliar e reforzar a unidade e diversidade do MGSM, buscando o compromiso de todos quen comparten a súa Declaración Fundacional, o seu compromiso e o seu traballo.
- Tense que seguir con atención o desenvolvemento das reformas legais en proxecto, nomeadamente a do Código Penal.
- Hai que xerar en cada Área Sanitaria organización e actividade para enfrontar o deterioro dos recursos e as actuacións antidemocráticas dos xestores en cada lugar onde ocorra.
- Débese avanzar con rigor técnico na definición de propostas sanitarias e sociais concretas, para corrixir o deterioro da atención á saúde mental, e en particular aquelas que resposten ás necesidades das persoas con trastorno mental grave e as súas familias.
- Temos que defender e denunciar calquera dano ós recursos e dereitos sanitarios, sociais ou laborais.
- Cómpre manter a actividade sensibilizadora social e a cooperación cos medios de comunicación, así como promover nas Institucións posicionamentos de defensa da saúde mental da poboación.
- Débese, por todos e cada un de nós, desenvolver o noso traballo cun compromiso activo ca defensa dunha atención sanitaria de calidade e do sistema sanitario público.
Nun
tempo inmediato comenzamos xa a organizar as accións que han de dar
ó Día Mundial da Saúde Mental, a celebrar o 10 de
outubro, o seu xusto significado, aquí e agora, para que sexa
protagonizado por quen padece os problemas e por quen contribúe ás
solucións. Nese día deixaremos atrás, ca participación de todos,
as meras accións autopropagandísticas ás que nos teñen
acostumados dende a Consellería de Sanidade.,
É
todo este un traballo ó que chamamos a todas as persoas sensibles e
solidarias, comprometidas co ben común, convencidas de que a
igualdade e a xustiza son as bases máis desexables e firmes para a
convivencia.
Para
todo iso o Movemento debe ser un instrumento útil, facilitador da
participación e coordinador da pluralidade e a creatividade de todos
quen o compoñen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario