As xornadas organizadas
polo MGSM o pasado sábado 28 de xuño reuniron a case 200 persoas
relacionadas co ámbito da saúde mental, con asociacións de
familiares, pacientes, persoal sanitario e sindicatos, profesionais
da xustiza e do traballo social, que durante todo o día achegaron a
súa visión dende os diferentes ángulos do problema do progresivo
deterioro da asistencia sanitaria en Saúde Mental.
As xornadas resultaron un
éxito de organización e convocatoria, aglutinando e poñendo en
contacto as diferentes prespectivas sobre un mesmo problema: a
política privatizadora e de abandono do sistema público de saúde,
tanto dos seus usuarios como dos profesionais que nel traballan.
Do intenso traballo
realizado en case oito horas de xornadas, podemos extraer as
seguintes conclusións, a xeito de resumo do que se expuxo nas
diferentes mesas:
-Atopámonos ante un
retroceso lexislativo que afecta especialmente ás persoas con
enfermidade mental, ao propoñer o anteproxecto de lei de reforma do
Código Penal a eliminación das faltas e á volta ao concepto de
“perigosidade social”, facendo recaer sobre os profesionais
médicos e os da xustiza a responsabilidade de decidir quen é ou non
perigoso. Por outra banda, vulnera a esencia das penas privativas de
liberdade, que debera ser a reinserción social e rehabilitación,
substituíndo estes principios polos de segregación do diferente. Os
profesionais, pola súa banda, non só non atopan nesta reforma
resposta aos baleiros legais cos que se atopaban ata o momento
(contención física) senón que se atopan aínda máis
desprotexidos.
-A reforma dos hospitais
psiquiátricos na Galiza foi levada a cabo de xeito parcial, sen
planificación e sen obxectivos, situación que empeorou aínda máis
nos últimos anos, e realidade da cal Conxo é o paradigma. Non
existe na actualidade un plan para o psiquiátrico de Conxo, ou cando
menos non un que sexa coñecido por todos. Ao progresivo peche de
camas non seguiu unha implementación de recursos comunitarios, senón
que os pacientes foron trasladados a outros dispositivos
residenciais, na maior parte dos casos concertados con empresas
privadas, e con menor calidade asistencial
(transinstitrucionalización). Para os que fican aínda no
psiquiátrico, non existen programas definidos, liñas de actuación
nin directrices, máis aló do esforzo e traballo de cada profesional
individual. O persoal de enfermaría e auxiliares tamén dan conta da
neglixencia e deixadez que perciben nos últimos anos na súa
formación, que dan como resultado un empeoramento das condicións de
traballo do persoal, así como da asistencia aos doentes.
-De forma parella ao
deterioro da asistencia e á perda de dereitos dos doentes, estase a
dar unha perda de dereitos laborais para os traballadores e
traballadoras, como a fixación por parte do Ministerio de Traballo
(e non do de Sanidade) da duración das baixas para cada patoloxía,
a transferencia das valoracións de baixa ás mutuas (de novo
empresas privadas) e a posibilidade de que estas teñan acceso ao
historial médico completo do doente, vulnerando así o seu dereito á
confidencialidade médico-doente. Por outra banda, os traballadores
da sanidade tamén perciben un deterioro do seu traballo, sen
direción clara, sen planificación e con criterios de tipo económico
e non clínico. No caso concreto do hospital de Día, o plan que
existía para a rede galega de Hospitais de Día nunca chegou a
implementarse por completo, e de feito nin sequera aparece mencionado
nas planificacións dos últimos anos, ou é mencionado de xeito
inexacto ou confuso, amosando a neglixencia e falta de interese das
autoridades ao respecto.
-As unidades
especializadas, como Psicoxeriatría e Saúde Mental Infanto-xuvenil,
están a correr a mesma sorte debido ao abandono institucional, con
profesionais desbordados e non recoñecidos, equipos infradotados e
de novo nula planificación.
-As cifras de suicidio
elévanse progresivamente nos últimos anos no noso país, inducidas
pola crise económica e agravadas aínda máis pola falta de medidas
sanitarias e sociais que podan paliar situacións de estrema
desesperanza e necesidade.
-As asociacións de
familiares de doentes atópanse nunha encrucillada, tratando de
paliar o abandono institucional pero á súa vez con escasos medios,
sendo quen de dar atención só a unha pequena proporción de
afectados. En moitas zonas non existen alternativas residenciais ou
ocupacionais que non pasen polas asociacións de familiares, amosando
de novo o abandono por parte da Administración.
Agardamos que estas
xornadas sexan só o comezo da actividade dinamizadora e de denuncia
artellada dende o MGSM, e que serviran a todos e todas para achegar
obxectivo e estratexias dende os diferentes ámbitos da saúde
mental. Moitas grazas polo voso apoio e asistencia!
Ningún comentario:
Publicar un comentario