Amosando publicacións coa etiqueta Movementos Sociais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Movementos Sociais. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de novembro de 2015

VALORACIÓN DO ESTADO DAS UNIDADES DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA NO HOSPITAL ALVARO CUNQUEIRO (VIGO)

A creación das dúas Unidades de Hospitalización Psiquiátrica (UHP), integradas no hospital xeral, supón o cumprimento das indicacións que pretendían normalizar a ubicación da atención hospitalaria ás persoas con necesidades de atención psiquiátrica no mesmo lugar que tódolos demais pacientes afectados por outras enfermidades ou trastornos. Ese é o aspecto positivo. Como tamén o é o incremento de prazas de hospitalización.
Pero á parte disto pouco máis podemos dicir positivo da reubicación das dúas unidades preexistentes no hospital Meixoeiro e no Nicolás Peña.
Así:
PROCESO SEGUIDO
- no proceso de deseño e organización desas Unidades non se tivo en conta a participación dos profesionais desperdiciando deste xeito o caudal de coñecementos dos mesmos. Pero tampouco os servizos de planificación específicos da Consellería cumpriron coa súa obriga de organizar o desenvolvemento dos recursos (non hai constancia da participación da Consellería na definición das Unidades do Servizo de Saúde Mental , á que debería supoñérselle unha cualificación superior para propoñer unha estrutura das Unidades acorde coa sua función específica e ás características diferenciais dos pacientes ós que van dirixidas).
- a falla de participación impediu que o mesmo proceso de reubicación constituíra un avance no proceso de integración dos colectivos profesionais que han de traballar nas Unidades. Esa é unha perda maior nun proceso de creación dun novo hospital.
ESTRUTURA
A valoración da estrutura debe facerse atendendo á finalidade do espazo e ós medios materiais que dotan unha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP).
A hospitalización é un episodio asistencial con finalidade terapéutica no curso da evolución de moitas persoas con trastornos mentais. A primeira característica física dunha UHP debe ser a de favorecer a creación dun clima terapéutico. O espazo, a súa organización, os medios materiais disponibles e o seu funcionsmento deben estar ó servizo do proxecto terapéutico.
As Unidades citadas teñen as seguintes caracterísitcas indesexables:
- carecen de acceso a espazos exteriores
- non protexen a privacidade e intimidade das persoas ingresadas
- carecen de espazos diferenciados e necesarios: sala de estar, sala de visita, sala de usos múltiples (conta cun comedor reducido e cunha sala mínima non utilizable para actividades grupais das persoas ingresadas na Unidade). A ausencia de espazo para actividades grupais dirixidas terapeuticamente e de recursos para o ocio provoca a deambulación polo pasillo (interior) da Unidade. O espazo de comedor tan limitado fai que se produza o amoreamento e quendas para comer.
- non prevén que os usuarios poidan regular a iluminación das habitacións restándolle un control mínimo innecesariamente, e as cortinas (estores) non son adecuadas porque transparentan cando a iluminación interior é superior á exterior (pola noite, por exemplo).
- afondan na estigmatización ó dotar os cuartos de baño de pezas sanitarias “antivandálicas” , que tamén presentan deficiencias en duchas e dispoñen de espellos distorsionadores da imaxe corporal.
-non garanten adecuadamente a seguridade dos pacientes: espazos non visibles, camas inapropiadas, materiais con potencial lesivo, porta de evacuación de seguridade clausurada, sistemas de apertura de portas que dificulta o seu control.
DOTACIÓN
- se ben cada Unidade é de trinta prazas e se presentan diferenciadas, esa diferenciación é só formal xa que están interconectadas fisicamente e comparten o persoal directivo, e polas mesmas rota periodicamente o colectivo profesional de enfermería. De facto atopámonos cunha Unidade de sesenta prazas que se alonxa radicalmente das orientacións planificadoras.
- as habitacións individuais conservan a posibilidade de duplicación de camas que anuncia incremento de usuarios no mesmo espazo (xa producido nalgunha ocasión).
- as dotacións de facultativos (psiquiatras e psicólogos clínicos) atópase por debaixo dos mínimos das recomendacións planificadoras (según criterios de planificación tanto do Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental como do Plan Estratéxico de Saúde Mental, fan falla 2-3 Psiquiatras mais e 3-4 Psicólogos Clínicos, 1 Terapeuta Ocupacional e 1 Traballadora Social).
- carecen de Terapeuta Ocupacional, o que compromete a actividade cotiá dos pacientes e limita as posibilidades terapéuticas das Unidades.
PROXECTO ASISTENCIAL
Condicionado pola estrutura e o proceso seguido ata agora. Sufrirá as limitacións de dotación profesional e espacial.
Debe destacarse tamén que ás xuntanzas para programación asistencial diaria (estadillos) non se contempla que asistan os profesionais de enfermería, impedindo a aportación de coñecemento dos que manteñen unha relación máis directa e prolongada cos pacientes. Comenza a expresarse un modelo de funcionamento que xa estaba en superación hai tempo.
A insistencia na redución da estadía media anuncia unha preocupante orientación cara a mera redución sintomática, a esa finalidade contribuirán uns espazos físicos como os valorados aquí.
Os obxectivos terapéuticos das UHP dependen dos equipos asistenciais, das dinámicas de funcionamento e dos ambientes e climas relacionais adecuados. No Hospital Álvaro Cunqueiro están claramente comprometidos.
¿QUE PASOU?
A perda de oportunidade faise evidente. O proceso de deseño desas unidades, dende a consideración das caracterísitcas específicas dos seus usuarios e das suas finalidades e a orientación dos profesionais da Área, era tanto un instrumento como un fin en si mesmo.
Tal parece que estas UHP estiveran determinadas pola ignorancia sobre os seus usuarios e sobre as características específicas desas Unidades, e tamén motivos estraños á sua finalidade sanitaria. Ese é o precio de non ter promovido a participación dos profesionais que traballan nelas, e a iso non é allea a privatización do proceso seguido (dende o proxecto arquitectónico ata a toma de decisión sobre os materiais a utilizar).
VALORACIÓN
- perda de oportunidade de mellora nos recursos sanitarios da Área
- perda de oportunidade para a maior implicación dos profesionais
- resultado que desconsidera as recomendacións da propia Consellería en planificación de recursos en saúde mental
- comprométese a posiblidade terapéutica futura desas Unidades
- persiste o estigma no lugar onde menos debera operar
- vulnéranse dereitos dos usuarios e pacientes
- creanse condicións insalubres para os profesionais

O QUE É MALO PARA O PACIENTE É MALO PARA O PROFESIONAL

mércores, 17 de xuño de 2015

A Mobilización colectiva frea novamente o peche de camas

Este verán non se pecharán camas de hospitalización psiquiátrica na Área Sanitaria de Santiago. A intención de facelo estaba reflexada no Plan de continxencias elaborado pola Xerencia da Área e que foi coñecido extraoficialmente, moi ó pesar da Dirección, pol@s traballador@s de saúde mental. O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) manifestouse radicalmente oposto a el, desenvolvéndose diversas accións nestes días protagonizadas polo colectivo profesional.
Finalmente, o pasado venres, a Xerencia comunicou directamente a unha representación de traballadoras, que o peche anunciado de 15 camas psiquiátricas, non ía ter lugar.
É unha moi boa nova. É motivo de satisfacción e orgullo para os profesionais que se mobilizaron na defensa dos dereitos asistenciais sanitarios dos cidadáns, da sanidade pública, dos recursos de asistencia á saúde mental e dos dereitos d@s traballador@s.
Outra vez -como cando o ano pasado se freou o plan de peche da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Gil Casares-, foron a unidade, a actitude decidida, o esforzo e a conciencia de estar na razón e no dereito defendendo o que é de toda a poboación, o que fixo que os nosos xestores abandonaran un plan elaborado como consecuencia dos recortes que se están a sufrir nos servizos públicos. Fronte a este xeito da Consellería de Sanidade de respostar á crise, contrapuxemos a loita decidida, firme e unitaria d@s traballador@s para evitalo.
Sen embargo, durante os días nos que se mantiveron a incertidume pola ameaza de peche de camas e as accións do colectivo de profesionais para remedialo, ocurreron feitos extremadamente graves na Área de Saúde Mental do CHUS, por parte do Xefe de Servizo , que atentan contra a liberdade de expresión ó adicarse a arrincar carteis e pancartas elaborados polos traballador@s con lemas de protesta contra os recortes e o peche de camas. Estes feitos foron postos en coñecemento dos responsables do Complexo Hospitalario de Santiago a través dos procedementos administrativos previstos para tal efecto.

Desde o MGSM valoramos como conduta grave, daniña para a convivencia, lesiva para os dereitos fundamentais e laborais, e inaceptable nunha sociedade democrática, a actitude que durante o conflito tivo o Xefe de Servizo de Psiquiatría do CHUS, por considerala incompatible co desenvolvemento da súa función. É obriga de tod@s impedir que estas condutas se produzan impunemente na sanidade pública.

venres, 15 de maio de 2015

Acto Informativo: A situación da saúde mental en Galicia


O día 20 de maio, a compañeira do MGSM Marisol Filgueira participará na Coruña nun acto informativo sobre a situación da saúde mental en Galicia. Podedes consultar e descargar o programa facendo click AQUÍ. Contamos coa vosa participación!



luns, 13 de outubro de 2014

Mobilizacións do día 10 de Outubro

Durante o día 10 de outubro, o MGSM organizou diversos actos reinvindicativos nas diferentes áreas sanitarias, con grande implicación e participación de profesionais, usuarios e familiares.



Queremos agradecer a vosa colaboración para facer desta xornada de sensibilización e reivindicación todo un éxito. As pancartas, chapas e carteis do MGSM inundaron todos os centros, visibilizando o noso compromiso en torno ao trastorno mental grave (TMG) e o abandono institucional sufrido por este colectivo. Tamén aparecemos en prensa e televisión, e presentamos a nosa proposta ante o Parlamento de Galicia, co apoio de todos os grupos parlamentares da oposición.




Parabéns a tod@s! Sen vós, isto non sería posible!


(podes consultar a nosa galería fotográfica AQUÍ, e a cobertura informativa na lista de ligazóns)

venres, 10 de outubro de 2014

10 de Outubro, Día Mundial da Saúde Mental: Vivir con TMG, aquí e agora

Hoxe, día 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM concentra todos os seus esforzos en visibilizar esta data e a problemática das persoas que padecen Trastorno Mental Grave (TMG). Por este motivo escollemos este lema alternativo, porque cremos que, lonxe das consignas baleiras que nos chegan dende as institucións, é na rúa, nos centros de traballo, nas asociacións e cos usuarios e familias, onde se sitúa o foco da reivindicación.


Non podemos obviar que, dende os mesmos ámbitos dende os que nos chegan mensaxes "anti-estigma" estase a permitir e favorecer o desmantelamento dos servizos sociais e sanitarios, co especial prexuízo que isto causa ás persoas con TMG. Por isto, no MGSM quixemos dotar de contido reinvindicativo real esta xornada, con diferentes iniciativas:


  • Colocación de carteis e pancartas nos diferentes centros sanitarios
  • Confección de murais
  • Chapas para todo o persoal nos centros de traballo
  • Proposta ante o Parlamento de Galicia (podes lela AQUÍ)

 Porque a mellor campaña "anti-estigma" é proporcionar ás persoas con TMG os medios sanitarios, sociais, económicos e de integración laboral para que podan desenvolver plenamente as súas capacidades e diferentes proxectos de vida, con independencia e dignidade.

VIVIR CON TMG, AQUÍ E AGORA

Podes consultar a cobertura informativa no Xornal Praza Pública,  ABC e Europa Press clicando aquí ou a través da nosa lista de ligazóns

xoves, 9 de outubro de 2014

Crónica dos actos do MGSM na semana da Saúde Mental

 Nos días previos ao 10 de Outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM veu realizando diversos actos en distintas localidades. Queremos compartir con vós o que alí compartimos.


  • 1 de Outubro. A Coruña. 
Xornadas de Arte e Saúde. Teatro para a trasformación social. Proxección dun vídeo sobre a figura e a obra de J.L. Moreno, o psicodrama e o teatro de improvisación. Colaboraron a Compañía de Teatro Playback Chuhcan de México D.F. e a Compañía de Teatro Espontáneo Entrespejos de Salamanca. Presentouse tamén unha panorámica da traxectoria do Grupo Lusco Fusco de teatro social e algúns dos seus traballos. Por último, suscitouse un debate aberto co público que culminou nunha intervención con base no psicodrama.

  • 4 de Outubro. A Coruña. 
I Xornada de Clínica Psiquiátrica:  Atención ao Doente con Trastorno Mental Grave (Xornadas APEM). Aínda que esta actividade non está incluída dentro do programa de actos organizados polo MGSM, e estivo dirixida só a profesionais, o MGSM estivo presente e achegou a súa visión do TMG.
Constou de dúas mesas, a primeira delas organizada polo SERGAS, onde se deu conta do desenvolvemento do programa de Trastorno Mental Grave do Hospital de Día de Oza, baseado no enfoque do Tratamento Asertivo Comunitario,seguido pola proxección dun vídeo do Colectivo Lusco Fusco.
Na segunda mesa, organizada pola APEM, fíxose un percorrido histórico polo Modelo de Rehabilitación Integral, orientado a la recuperación, e presentouse o programa de atención integral a persoas con enfermidade mental en réxime penitenciario. Por último, durnate a tarde realizouse unha visita guiada ao taller de cerámica e ao centro de día.
  • 8 de Outubro. A Coruña. 
Mesa Redonda “Día Mundial da Saúde Mental: Contra o Estigma”. Expuxéronse experiencias dos relatores arredor do estigma e a discriminación, e compartiuse información sobre colectivos e movementos de defensa dos dereitos das persoas con enfermidade mental. Por outra banda, expúxose un percorrido polos 35 anos de historia da APEM, e suscitouse un debate sobre os diferentes enfoques e modalidades de tratamento.
  • 8 de Outubro. Compostela. 
Mesa Redonda: Vivir con trastorno mental grave, aquí e agora. Nesta mesa, integrada por profesionais da saúde mental, usuarios e familiares, abordouse o problema do TMG dende as diferentes perspectivas, con énfase na problemática económica, social e sanitaria que estamos a vivir.

  • 8 de Outubro. A Coruña. 
Entrega do Premio “José Luis Muruzábal” a Experiencias Innovadoras no Ámbito Sociolaboral e/ou Socioeducativo en Persoas con Enfermidade Mental. Neste primeira convocatoria presentáronse 5 experiencias innovadoras, resultando gañadoras dúas delas ex aequo: "Facemos equipo pola saúde Mental?", da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, e Centro especial de emprego sen ánimo de lucro, con actividades de limpeza viaria e de edificos, xardinería, mantemento de granxa avícola, viveiro... presentado por EMPREGO SOCIAL SL.”

9 de Outubro. Pontevedra

Mesa Redonda MGSM e Asociación Alba. Na Galería Sargadelos de Pontevedra, tamén estivemos en colaboración co colectivo Alba,  onde se debateu sobre a rehabilitación e integración, o traballo realizado pola asociación e a necesidade de manter o logrado e avanzar na recuperación. Tamén se presentou o traballo do MGSM ata o momento, e convidouse aos presentes a participar na xornada reinividicativa do día 10.





Se queres ler unha crónica máis extensa do desenvolvemento destas actividades, clica AQUÍ.

Non vos perdades as reivindicacións do día 10 nos centros de traballo, e en calquera lugar onde hax soci@s do MGSM. A vosa participación é fundamental!


martes, 7 de outubro de 2014

Acto de Pontevedra



Os compañeiros do MGSM de Pontevedra organizan, en colaboración coa Asociación Alba, unha Mesa Redonda o día 9 de outubro na Galería Sargadelos, ás 19,30 horas, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental. O MGSM ten como obxectivo a realización de múltiples actos co gallo deste día, en varias localidades, que acheguen a problemática do Trastorno Mental Grave á cidadanía. Acompáñanos nas nosas actividades!

Ademais, podedes acceder aos contidos das Xornadas da APEM, celebradas o día 4 de outubro. Clicade  AQUÍ para velos.

venres, 3 de outubro de 2014

Actos do MGSM programados para o 8 de outubro

O día 8 de outubro, dentro dos actos programados na semana do 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o MGSM ten programados as actividades que vos propoñemos a continuación. O obxectivo é achegar á cidadanía, usuarios e familiares, o trastorno mental grave, a súa problemática, e os novos retos que nos ocupan, lonxe da institucionalidade moitas veces baleira das proclamas oficiais. Participa e acompáñanos!

Santiago de Compostela

Mesa Redonda: "Vivir con Trastorno Mental Grave"

Modera:
Iria Veiga (MGSM Compostela)

Relatores:
  • Irene Martínez, psicóloga da Unidade de Saúde Mental de Noia - CHUS
  • Mª Mar Piñeiro Sobrido, Presidenta da Asociación "Fonte da Virxe"
  • Begoña Portela, psiquiatra do Servizo de Psiquiatría do CHUS
  • Cristina Riobó, Comité de Persoas con Enfermidade Mental

Día: Mércores 8 de outubro de 2014, ás 17 horas.
Lugar: Galería Sargadelos, rúa Nova 16, Santiago de Compostela
MGSM Compostela


A Coruña

Mesa Redonda: "Día Mundial da Saúde Mental: Contra o estigma"

Modera:
Marisol Filgueira Bouza (Psicóloga Clínica)

Relatores:
  • César Salgado García (Voluntario Facultade Socioloxía UDC no programa de TMG de Oza)
  • Fátima Barbeito Roel, Noelia Menéndez Torreiro, Manuel Fernández, Mª Ángeles Rodríguez Fandiño (Usuarios e Familiares)
  • Paula Tomé (Radio Prometea)
  • Mª Carmen García Pinto (Terapeuta Ocupacional), 
  • Paula Suárez López (Enfermeira)
  • Mª Luisa Ortega García (Traballadora Social)
  • Carmen Mª Guitian Martins (Auxiliar de Enfermería)
  • Cristina Rivas Prado (Orientadora Laboral)
Día: Mercores 8 de outubro de 2014, ás 17 horas
Lugar: Aula Magna da Facultade de CC da Saúde, Campus de Oza. A Coruña.
MGSM A Coruña

martes, 30 de setembro de 2014

Actos do Día Mundial da Saúde Mental en Coruña


Imprime e difunde o noso cartel, podes descargar AQUÍ o arquivo .pdf

1 OUTUBRO: Museo de Belas Artes da Coruña 17:00 h. Xornada de Arte e Saúde.- Teatro para a transformación social. Grupo Lusco Fusco de teatro espontáneo, usuarios e profesionais traballando coa cidadanía

4 OUTUBRO: APEM 9:30 h. I Xornada de Clínica Psiquiátrica: Atención ao Doente con Trastorno Mental Grave. Actividade non incluída no programa do MGSM, pero con participación de membros do Movemento. Destinada a profesionais da saúde mental

8 OUTUBRO: Aula Magna da Facultade de Ciencias da Saúde, Campus de Oza 17:00 h. Mesa Redonda “Día Mundial da Saúde Mental: Contra o Estigma”. Usuari@s, familiares, cidadáns, estudantes e profesionais poñen en común a súa experiencia.
Modera: Marisol Filgueira Bouza (Psicóloga Clínica)
Participantes:
César Salgado García (Voluntario Facultade Socioloxía UDC no programa de TMG de Oza)
Fátima Barbeito Roel, Noelia Menéndez Torreiro, Manuel Fernández, Mª Ángeles Rodríguez Fandiño (Usuarios e Familiares)
Paula Tomé (Radio Prometea)
Mª Carmen García Pinto (Terapeuta Ocupacional), Paula Suárez López (Enfermeira), Mª Luisa Ortega García (Traballadora Social), Carmen Mª Guitian Martins (Auxiliar de Enfermaría), Cristina Rivas Prado (Orientadora Laboral)

8 OUTUBRO: Consorcio As Mariñas, Bergondo 20:00 h. Entrega do Premio “José Luis Muruzábal” a Experiencias Innovadoras no Ámbito Sociolaboral e/ou Socioeducativo en Persoas con Enfermidade Mental. Presentada á convocatoria a experiencia do grupo de teatro espontáneo Lusco Fusco.

10 OUTUBRO: Hospital de Día de Psiquiatría, Hospital Marítimo de Oza
9:00 h. Elaboración e exposición de collages sobre os lemas do Día Mundial da Saúde Mental e a experiencia de usuari@s e profesionais.
12:00 h. Proxección e debate do vídeo “En el círculo”. Roi Guitián (Realizador audiovisual e técnico de vídeo participativo) e María Lobo (Xornalista, editora e docente en Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Gingko Producción Audiovisual e Comunicación para a Educación

xoves, 10 de xullo de 2014

Galizacontrainfo publica Video Acto informativo en defensa da sanidade pública (A Coruña 04.07.2014)




Publicado o 8 xullo, 2014 

Ante o retroceso que está a sufrir a nosa sanidade pública, e ante o desmantelamento encuberto do sistema, cremos importante e necesario informar á cidadania do que está a acontecer, e informarlle da privatización que se está a facer ás agachadas de todo o noso sistema de saúde. De non deter este proceso, desembocará nunha sanidade para ricos e outra para pobres. 

SOS sanidade Publica, Movementos sociais da cidade, AAVV, A Fronte Civica, 15M, Medicos do Mundo, o Foro Galego de Inmigracion, Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda, Movemento Galego pola Saúde Mental e a Asociación Cancro de Mama convocan unha concentración informativa no palco da música dos cantóns da Coruña, para informar á cidadanía do que ocorre coa nosa Sanidade. É o inicio dunha campaña que estenderemos por todos os medios posibles para que @s cidadás saiban o que os nosos gobernantes están a facer, e podamos entre tod@s paralizar a desaparición do noso Sistema Público de Saúde tal e como o coñecemos hoxe.




xoves, 5 de xuño de 2014

Súmate ós 10 motivos de FEAFES contra 
a reforma do Código Penal
FEAFES Galicia puso en marcha esta campaña co fin de actuar contra a reforma do Código Penal impulsada polo Goberno en aquilo que afecta directamente ós dereitos das persoas con enfermidade mental. 
Trátase dunha reforma sostida nos prexuízos, o estigma e o descoñecemento, que ataca frontalmente ós dereitos do colectivo ó que representa FEAFES, que perpetúa a idea errónea de que as persoas con trastorno mental son potencialmente perigosas e que xera ademais unha enorme inseguridade xurídica.
Para elo, a Confederación FEAFES editou un folleto no que resume os 10 principais motivos da nosa oposición á reforma. A difusión deste documento é fundamental para reivindicar os dereitos das persoas con enfermidade mental fronte á reforma dunha lei que, entre outras cosas, relaciona a enfermidade mental co concepto subxectivo de “perigosidade”, unha conclusión que non foi avalada por ningún estudo científico, ou que privará de liberdade a un cidadán pola mera suposición dun delito que poida cometer no futuro debido ó seu diagnóstico, algo que é contrario ás normas de dereitos humanos.
Dende FEAFES Galicia pídese ademáis o apoio da xente a esta iniciativa mediante a súa firma a través da solicitude lanzada a través da plataforma Change.org.