domingo, 22 de xuño de 2014

Xornada do MGSM o 28 de xuño. Programa definitivo.

O próximo sábado 28 de xuño celébrase no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental. 

Podes consultar o programa definitivo máis abaixo ou descargalo premendo no seguinte enlace:  Programa definitivo

Inscríbete si aínda non o fixeches, enviando correo a:       xornadamgsm@gmail.com







Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental
A Santiago o 28 de xuño
UNIDOS PARA DEFENDER O DEREITO A UN FUTURO CON SAÚDE
·         Salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Sur)

Horario:

9.30-Recepción de asistentes

9.45-Presentación e apertura da actividade da Xornada.
Rosa Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.

10.00- Mesa 1: Dimensións legais do que está acontecer.
·         Moderador: Benito López-de Abajo Rodríguez. Médico forense. Xefe de Servizo de Clínica Médico Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
·         A responsabilidade legal do profesional sanitario.
José Gómez Rey. Maxistrado da Sección VI da Audiencia Provincial en Santiago.
·         Visión crítica da reforma do Código Penal en relación ca saúde mental.
Antonio Rama Valdés. Fiscal de Santiago.

11.30- Mesa 2-Hospital Psiquiátrico de Conxo: análise e propostas
·         Moderador: Alberte Araúxo.Psiquiatra. Hospital Gil Casares. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
·         Alternativas do Hospital Psiquiátrico.
Ramón Ramos. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
·         Traballo do persoal de enfermería no Hospital Psiquiátrico de Conxo: posibilidades de mellora.
Ana Blanco. TCAE.
Pilar Baldomir. Auxiliar de enfermería.
Hospital Psiquiátrico de Conxo.Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
·         Lugares, non lugares e hiperlugares.
Ramón Area. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

13.00- Mesa 3- Evolución e situación laboral dos recursos humanos en saúde mental en Galicia.
·         Moderadora:  Ana Riveiro Currais. CCOO Sanidade.
·         A crise, a mellor aliada para o desmantelamento dos servizos públicos.
Mº Xosé Abuin Álvarez. Secretaria nacional de CIG-SAÚDE.
·         Acerca dos Recursos Humanos na sanidade.
Antón Casais Lestón. Psiquiatra e psicanalista do Hospital de Piñor de Ourense.
·         Do dispositivo intermedio ó dispositivo medio interrumpido.
Chus García Álvarez. Psiquiatra de Hospital de día. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
·         A asistencia a drogodependentes en Galicia: do Plan de Drogas ao baleiro.
Luisa Mª Blanco Caramés.

14.15-Descanso. Xantar.

16.15-Mesa 4- Crise e saúde mental.
·         Moderadora: Delia Guitián Rodríguez. Psicóloga Clínica. Hospital Lucus Augusti.
·         Asistencia Psicoxeriátrica en Galicia.
Raimundo Mateos Álvarez. Psiquiatra. Unidade de Psicoxeriatría. Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.
·         A Crise nos Servizos Sociais.
Mª Sagrario Fernández Méndez. Traballadora Social. Hospital Lucus Augusti.
·         O suicidio en tempos de crise.
 Delia Guitián Rodríguez. Psicóloga Clínica. Hospital Lucus Augusti.

17.30-Mesa 5-Os dereitos sociais en cuestión. Situación sociolaboral, asociativa e participativa das persoas afectadas por Trastorno Mental Grave.
·         Moderador: Miguel Anxo García Alvarez. Psicólogo Clínico. Hospital Clínico Universitario de Santiago. 
·         A situación dende a Asociación  respecto  á dependencia.
Rocío García Castro. Presidenta da Asociación Pro Saúde  Mental A Creba. Psicóloga clínica.  Familiar de  persoas con enfermidade mental.
·         A que nos levan 20 anos de movemento asociativo.
 Elvira Varela Fernández. Membro da Xunta Directiva da Asociación Fonte da Virxe de  Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais.
·         Rehabilitación Laboral:Unha experiencia de empleo en LAR.
 Amelia Varela. Directora-Xerente e Psicóloga Clínica de LAR pro Saúde Mental de Vilagarcía de Arousa.
·         ¿Somos necesarios?...!Somos necesarios!.
Carlos García Lampón e Cristina Riobó Bernárdez. Membros do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de FEAFES-Galicia.

18.30- Asamblea do MGSM.

19.30- Despedida e peche.
_____________________________________________________________________
·         Para participar só debes inscribirte enviando correo a esta dirección.

·          A inscripción é gratuita. O número de inscripcións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e darase prioridade por orden de inscripción.

·         As mesas desenvolveranse a través de exposicións, coordinadas por moderador/a, que en total no superarán os 45 minutos deixando o tempo restante (de 20 a 30 minutos) para intervencións e debate dos asistentes.

martes, 10 de xuño de 2014

ISTO QUE É?

O pasado día 2 xuño unha fundación que ten entre os seus asesores fundamentais a grandes empresas privadas interesadas no negocio da asistencia sanitaria, e que funciona como lobby de presión nas administracións públicas, CONVOCOU ós responsables da Consellería de Sanidade e SERGAS (Conselleira, Xerente do SERGAS, e Dir. Xeral de Asistencia Sanitaria) e ós responsables asistenciais da saúde mental (Xefes dos Servizos de Psiquiatría de todas as áreas sanitarias) a unha xuntanza-xantar no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.


A xuntanza aparece patrocinada por un determinado laboratorio farmacéutico, con intereses comerciais inmediatos na promoción dun novo fármaco para o tratamento do alcoholismo; e é organizada por unha empresa promocionadora e facilitadora do éxito comercial, que a dota dunha enganosa apariencia técnica ( invitando ós convidados a debatir un cuestionario no que a metade das preguntas aludían á cuestións que interesan ó laboratorio patrocinador). Non teríamos nada que dicir se os protagonistas deste encontro foran particulares dispoñendo do seu tempo privado, e sen conflicto de intereses. Mais son os máximos responsables públicos da saúde mental, que van ser nin máis nin menos que “convocados” (sic) por esa entidade privada, ca lexitimidade que lle otorga a presencia da Conselleira

Xusto cando se critica públicamente a carencia de planificación da atención á saúde mental, e a redución dos recursos e o deterioro da asistencia; cando se advirte do agravamento dos indicadores de saúde (incremento de trastornos e da taxa de suicidios); xusto agora os máximos responsables déixanse agasallar por un laboratorio farmacéutico e un lobby da privatización, aparentando unha xuntanza de traballo, para liquidar nun par de horas os grandes temas da asistencia á saúde mental. Nunca antes se fixo unha xuntanza deste nivel por iniciativa da Conselleira para definir o plan de saúde mental que se necesita. Pero por riba permiten que as conclusións da conversa as realice un membro da empresa de marketing, e llas presente para a súa discusión .. ós postres do xantar! (sic). 

Para nós este acto é deplorable, desconsiderado ca xente e as súas necesidades, irresponsable por quen debe dar exemplo de austeridade e seriedade na súa función pública, favoritista cunha empresa farmacéutica concreta, e expresivo da incapacidade dos nosos gobernantes sanitarios para dar unha resposta planificadora e asistencial acaída ás necesidades urxentes en saúde mental. Mais tamén decatámonos de que é un acto principalmente de relación social, facilitador do establecemento de contacto directo entre os grandes intereses privados no negocio da atención sanitaria, e os responsables asistenciais, nun momento en que dende a Consellería preténdese un cambio na organización sanitaria. Un movemento máis na preparación da introducción de intereses privados na sanidade pública galega. E todo iso baixo o paraugas de quen ten a máxima responsabilidade da sanidade pública. O dito: ¡Deplorable!. En Santiago a 9 de xuño de 2014

xoves, 5 de xuño de 2014

Súmate ós 10 motivos de FEAFES contra 
a reforma do Código Penal
FEAFES Galicia puso en marcha esta campaña co fin de actuar contra a reforma do Código Penal impulsada polo Goberno en aquilo que afecta directamente ós dereitos das persoas con enfermidade mental. 
Trátase dunha reforma sostida nos prexuízos, o estigma e o descoñecemento, que ataca frontalmente ós dereitos do colectivo ó que representa FEAFES, que perpetúa a idea errónea de que as persoas con trastorno mental son potencialmente perigosas e que xera ademais unha enorme inseguridade xurídica.
Para elo, a Confederación FEAFES editou un folleto no que resume os 10 principais motivos da nosa oposición á reforma. A difusión deste documento é fundamental para reivindicar os dereitos das persoas con enfermidade mental fronte á reforma dunha lei que, entre outras cosas, relaciona a enfermidade mental co concepto subxectivo de “perigosidade”, unha conclusión que non foi avalada por ningún estudo científico, ou que privará de liberdade a un cidadán pola mera suposición dun delito que poida cometer no futuro debido ó seu diagnóstico, algo que é contrario ás normas de dereitos humanos.
Dende FEAFES Galicia pídese ademáis o apoio da xente a esta iniciativa mediante a súa firma a través da solicitude lanzada a través da plataforma Change.org.

sábado, 31 de maio de 2014

Convocatoria para a Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental: Avance do Programa




A Santiago o 28 de xuño!
UNIDOS PARA DEFENDER O DEREITO A UN FUTURO CON SAÚDE

Salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Sur)

Horario:
9.30-Recepción de asistentes
9.45-Presentación e apertura da actividade da Xornada.
10.00- Mesa 1: Evolución e situación laboral dos recursos humanos en saúde mental en Galicia.
11.30- Mesa 2-O Hospital Psiquiátrico de Conxo.
13.00- Mesa 3- Dimensións legais do que está acontecer: reforma do Código Penal, actualidade da responsabilidade legal profesional.
14.15-Descanso. Xantar.
16.15-Mesa 4- Crise e saúde mental.
17.30-Mesa 5-Os dereitos sociais en cuestión. Situación sociolaboral, asociativa e participativa das persoas afectadas por Trastorno Mental Grave.
18.30- Asemblea do MGSM.
19.30- Despedida e peche.
_________________________________________________________________
Para participar só debes inscribirte enviando correo a esta dirección: xornadamgsm@gmail.com. A inscrición é gratis. O número de inscricións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e darase prioridade por orden de inscrición.


  • As mesas desenvolveranse a través de exposicións, coordinadas por moderador/a, que en total no superarán os 45 minutos, deixando tempo restante (de 20 a 30 minutos) para intervencións e debate dos asistentes.

domingo, 25 de maio de 2014

Manifesto Fundacional do Movemento Galego da Saúde Mental


POLA PROTECCIÓN DA SAÚDE MENTAL E CONTRA O DETERIORO DA SÚA ASISTENCIA PÚBLICA


 O estado da atención sanitaria e social á saúde mental en Galicia está nun proceso de franco deterioro. Os escasos datos que se dan a coñecer sobre indicadores de saúde da poboación informan dunha evolución negativa, e os informes que proporcionan os profesionais e usuarios dos servizos públicos de saúde mental, debuxan unha realidade asistencial na que se salientan feitos inaceptables.

Deles conclúese que:

  • Están a ser danados os dereitos asistenciais e son restrinxidas de feito as prestacións sanitarias recoñecidas como dereito por lei á cidadanía. CONCÚLCANSE DEREITOS ASISTENCIAIS .

  • Estase a proporcionar unha asistencia por debaixo das condicións de calidade e seguridade esixibles, e do nivel que a cualificación dos profesionais da saúde pode garantir. Iso é así tanto pola dificultade para acceder á mesma como para recibila ca intensidade, extensión e diversidade de recursos e accións profesionais recoñecidas como necesarias (esperas, distancia temporal entre consultas sucesivas, redución de tempos de atención, limitacións para acceso á hospitalización e acurtamento temerario da mesma, impedimentos para acceso á rehabilitación, inexistencia de plans específicos para situacións de alta morbi-mortalidade). DETERIÓRASE A CALIDADE E COMPROMÉTESE A SEGURIDADE.

  • Estanse a deteriorar gravemente as condicións para o exercicio da actividade dos profesionais da saúde mental como consecuencia da dinámica de funcionamento dos servizos e institucións sanitarias, da incertidume laboral e o incremento de carga asistencial, do incumprimento das indicacións de de doentes por profesional, e do establecemento nos acordos de xestión de obxectivos economicistas e non os orientados á mellora da calidade asistencial. DETERIÓRASE O EXERCICIO PROFESIONAL.

  • Estase a constatar que o maior deterioro da situación recae sobre aqueles sectores sociais que menos recursos posúen, máis necesidades teñen, e en pior situación de saúde se atopan. QUÉBRASE A EQUIDADE: OS DOENTES CON TRASTORNO MENTAL GRAVE E SEN RECURSOS, PEOR.

  • Os responsables da dirección do SERGAS non están a desenvolver os medios de planificación, avaliación, desenvolvemento de recursos, coordinación e información necesarios para que a actividade dos profesionais permita obter os mellores resultados posibles na atención aos usuarios de Saúde Mental. Na toma de decisións marxínase aos profesionais, aos usuarios, e aos doentes e ás súas familias. CARÉCESE DE PLANIFICACIÓN, OCÚLTASE INFORMACIÓN E IMPÍDESE A PARTICIPACIÓN.

Este estado de cousas enmárcase nun contexto de funcionamento antidemocrático dos servizos e institucións do SERGAS, responsables da atención pública á saúde mental, de redución progresiva de recursos profesionais e materiais, e de carencia dun proxecto público cara o futuro de acción social e sanitaria en saúde mental. Galicia está de novo sen plan específico de saúde mental.

O deterioro na atención á saúde mental é parte do deterioro sanitario xeral, e ámbolos dous son unha consecuencia do tipo de xestión que se está a facer desta crise económica, e do recorte de dereitos que estamos a sufrir. Pero ademais, ese deterioro en Galicia incide sobre unha situación que xa era fráxil e pior en termos relativos respecto á media do Estado Español, xa fora en dotacións profesionais e recursos asistenciais, xa en indicadores de saúde ou en desenvolvemento da organización da rede de atención á saúde mental. Cómpre lembrar que para corrixir esa situación puxérase en execución o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, que se viu interrompido polo goberno autonómico xa na pasada lexislatura, sen que dende aquela se definira ningunha alternativa coñecida.
Esta preocupante situación agudízase nos últimos anos como consecuencia do deterioro das condicións de vida e de traballo, o incremento do sufrimento intolerable producido pola ameaza que sobre as vidas proxecta a crise económica e as políticas que os nosos gobernos dispoñen fronte a ela, e a diminución dos recursos de protección social e sanitaria.

OMS-Europa xa advertiu hai tres anos nun informe específico, que se durante a crise se desenvolvían políticas que reduciran a protección social, incrementaríanse os riscos e danos na saúde mental das poboacións afectadas. Os nosos gobernantes estaban avisados. O resultado que estamos a sufrir prediciuse e cúmprese rigorosamente.

Pódense facer outras políticas sanitarias en saúde mental: só é unha cuestión de opcións a tomar, intereses a defender e prioridades a atender. Mais a saúde mental non parece ser unha preocupación dos nosos gobernantes. A ausencia de proxecto ó respecto, e o desleixo no que se a está a deixar caer, así o confirma.

Ante esta situación, na nosa condición de usuarios, doentes, familiares e profesionais sanitarios, PROMOVEMOS ESTA DECLARACIÓN compartindo a valoración e a preocupación sobre a gravidade da mesma, movidos pola defensa da calidade e dos dereitos asistenciais, e sentíndonos obrigados polo deber que crea o coñecemento do que está a ocorrer.

COMPROMETÉMONOS A ACTUAR para mudar esta realidade inaceptable, sabedores de que a crise económica estase a usar como argumento para facer políticas que son presentadas como inevitables, cando só son algunhas das posibles, e convencidos de que hai outras opcións sanitarias e sociais máis respectuosas cos dereitos das persoas e máis útiles ás súas necesidades de saúde.

E por iso decidimos iniciar, desenvolver e fortalecer un MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL para:

  • Deter o deterioro na atención á saúde mental, e acadar os recursos sanitarios e sociais que compran.

  • Comprometer a todos os sectores e axentes implicados, na defensa da mellor atención sanitaria e social aos doentes e ás súas familias.

  • Ofrecer alternativas á situación, elaboradas ca participación de todos os afectados e integrando ás diferentes experiencias e visións (enfermos, familias, profesionais) sobre os problemas de saúde mental.

E para iso formulámonos

  • Describir para cada área sanitaria, e para cada bisbarra, a evolución do estado das necesidades de saúde mental, e da resposta sanitaria e social ás mesmas, e moi en particular referido a aqueles sectores de poboación mais vulnerables e en condición máis grave. ANALIZAR A SITUACIÓN DE CADA ÁREA SANITARIA

  • Avanzar na elaboración de propostas comúns para presentar ás institucións de goberno da nosa Comunidade cara a mellorar e resolver as carencias e insuficiencias identificadas. ELABORAR PROPOSTAS DE MELLORA.

  • Difundir a nivel social o coñecemento da situación, procurando a maior implicación das súas diversas institucións, organizacións sociais e cidadáns, nas accións a prol da súa modificación. INFORMAR Á POBOACIÓN.

  • Organizar as accións individuais e colectivas que compran para impedir que siga a empeorar a situación, e para mudala. PROMOVER O COMPROMISO, A PARTICIPACIÓN E A MOBILIZACIÓN.

Esta é a alternativa. Potenciar o desenvolvemento da sanidade pública, dos servizos sociais públicos, das políticas activas de emprego, e das medidas de protección social, dende a súa consideración como medios básicos para reducir o dano á saúde mental e o sufrimento, empeorado no actual contexto de crise económica. DEFENDER O PÚBLICO.

Defender os dereitos democráticos, sociais e sanitarios conquistados pola nosa sociedade, hoxe en risco de limitación ou abolición. Eles son a base da convivencia social e do respecto aos dereitos dos máis febles, nomeadamente dos enfermos mentais. ESIXIR O RESPECTO ÓS DEREITOS DEMOCRÁTICOS, SOCIAIS E SANITARIOS.

MÁIS DEMOCRACIA CON MÁIS XUSTIZA = MÁIS SAÚDE

Con eses obxectivos no día de hoxe comezamos esta andaina, até onde compra, para reclamar o respecto ó noso dereito á saúde, para defender a nosa sanidade, e para protexer a saúde mental da comunidade da que somos parte.


En Santiago de Compostela, a 13 de febreiro de 2014