mércores, 25 de novembro de 2015

VALORACIÓN DO ESTADO DAS UNIDADES DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA NO HOSPITAL ALVARO CUNQUEIRO (VIGO)

A creación das dúas Unidades de Hospitalización Psiquiátrica (UHP), integradas no hospital xeral, supón o cumprimento das indicacións que pretendían normalizar a ubicación da atención hospitalaria ás persoas con necesidades de atención psiquiátrica no mesmo lugar que tódolos demais pacientes afectados por outras enfermidades ou trastornos. Ese é o aspecto positivo. Como tamén o é o incremento de prazas de hospitalización.
Pero á parte disto pouco máis podemos dicir positivo da reubicación das dúas unidades preexistentes no hospital Meixoeiro e no Nicolás Peña.
Así:
PROCESO SEGUIDO
- no proceso de deseño e organización desas Unidades non se tivo en conta a participación dos profesionais desperdiciando deste xeito o caudal de coñecementos dos mesmos. Pero tampouco os servizos de planificación específicos da Consellería cumpriron coa súa obriga de organizar o desenvolvemento dos recursos (non hai constancia da participación da Consellería na definición das Unidades do Servizo de Saúde Mental , á que debería supoñérselle unha cualificación superior para propoñer unha estrutura das Unidades acorde coa sua función específica e ás características diferenciais dos pacientes ós que van dirixidas).
- a falla de participación impediu que o mesmo proceso de reubicación constituíra un avance no proceso de integración dos colectivos profesionais que han de traballar nas Unidades. Esa é unha perda maior nun proceso de creación dun novo hospital.
ESTRUTURA
A valoración da estrutura debe facerse atendendo á finalidade do espazo e ós medios materiais que dotan unha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP).
A hospitalización é un episodio asistencial con finalidade terapéutica no curso da evolución de moitas persoas con trastornos mentais. A primeira característica física dunha UHP debe ser a de favorecer a creación dun clima terapéutico. O espazo, a súa organización, os medios materiais disponibles e o seu funcionsmento deben estar ó servizo do proxecto terapéutico.
As Unidades citadas teñen as seguintes caracterísitcas indesexables:
- carecen de acceso a espazos exteriores
- non protexen a privacidade e intimidade das persoas ingresadas
- carecen de espazos diferenciados e necesarios: sala de estar, sala de visita, sala de usos múltiples (conta cun comedor reducido e cunha sala mínima non utilizable para actividades grupais das persoas ingresadas na Unidade). A ausencia de espazo para actividades grupais dirixidas terapeuticamente e de recursos para o ocio provoca a deambulación polo pasillo (interior) da Unidade. O espazo de comedor tan limitado fai que se produza o amoreamento e quendas para comer.
- non prevén que os usuarios poidan regular a iluminación das habitacións restándolle un control mínimo innecesariamente, e as cortinas (estores) non son adecuadas porque transparentan cando a iluminación interior é superior á exterior (pola noite, por exemplo).
- afondan na estigmatización ó dotar os cuartos de baño de pezas sanitarias “antivandálicas” , que tamén presentan deficiencias en duchas e dispoñen de espellos distorsionadores da imaxe corporal.
-non garanten adecuadamente a seguridade dos pacientes: espazos non visibles, camas inapropiadas, materiais con potencial lesivo, porta de evacuación de seguridade clausurada, sistemas de apertura de portas que dificulta o seu control.
DOTACIÓN
- se ben cada Unidade é de trinta prazas e se presentan diferenciadas, esa diferenciación é só formal xa que están interconectadas fisicamente e comparten o persoal directivo, e polas mesmas rota periodicamente o colectivo profesional de enfermería. De facto atopámonos cunha Unidade de sesenta prazas que se alonxa radicalmente das orientacións planificadoras.
- as habitacións individuais conservan a posibilidade de duplicación de camas que anuncia incremento de usuarios no mesmo espazo (xa producido nalgunha ocasión).
- as dotacións de facultativos (psiquiatras e psicólogos clínicos) atópase por debaixo dos mínimos das recomendacións planificadoras (según criterios de planificación tanto do Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental como do Plan Estratéxico de Saúde Mental, fan falla 2-3 Psiquiatras mais e 3-4 Psicólogos Clínicos, 1 Terapeuta Ocupacional e 1 Traballadora Social).
- carecen de Terapeuta Ocupacional, o que compromete a actividade cotiá dos pacientes e limita as posibilidades terapéuticas das Unidades.
PROXECTO ASISTENCIAL
Condicionado pola estrutura e o proceso seguido ata agora. Sufrirá as limitacións de dotación profesional e espacial.
Debe destacarse tamén que ás xuntanzas para programación asistencial diaria (estadillos) non se contempla que asistan os profesionais de enfermería, impedindo a aportación de coñecemento dos que manteñen unha relación máis directa e prolongada cos pacientes. Comenza a expresarse un modelo de funcionamento que xa estaba en superación hai tempo.
A insistencia na redución da estadía media anuncia unha preocupante orientación cara a mera redución sintomática, a esa finalidade contribuirán uns espazos físicos como os valorados aquí.
Os obxectivos terapéuticos das UHP dependen dos equipos asistenciais, das dinámicas de funcionamento e dos ambientes e climas relacionais adecuados. No Hospital Álvaro Cunqueiro están claramente comprometidos.
¿QUE PASOU?
A perda de oportunidade faise evidente. O proceso de deseño desas unidades, dende a consideración das caracterísitcas específicas dos seus usuarios e das suas finalidades e a orientación dos profesionais da Área, era tanto un instrumento como un fin en si mesmo.
Tal parece que estas UHP estiveran determinadas pola ignorancia sobre os seus usuarios e sobre as características específicas desas Unidades, e tamén motivos estraños á sua finalidade sanitaria. Ese é o precio de non ter promovido a participación dos profesionais que traballan nelas, e a iso non é allea a privatización do proceso seguido (dende o proxecto arquitectónico ata a toma de decisión sobre os materiais a utilizar).
VALORACIÓN
- perda de oportunidade de mellora nos recursos sanitarios da Área
- perda de oportunidade para a maior implicación dos profesionais
- resultado que desconsidera as recomendacións da propia Consellería en planificación de recursos en saúde mental
- comprométese a posiblidade terapéutica futura desas Unidades
- persiste o estigma no lugar onde menos debera operar
- vulnéranse dereitos dos usuarios e pacientes
- creanse condicións insalubres para os profesionais

O QUE É MALO PARA O PACIENTE É MALO PARA O PROFESIONAL

mércores, 9 de setembro de 2015

Acto MGSM polo Día Mundial do Suicidio

O xoves 10 de setembro, con motivo do Día Mundial do Sucidio, dende o MGSM organizaremos un acto para dar a coñecer as propostas do Movemento con respecto a este grave problema. Aquí vos deixamos o cartel coa información sobre o mesmo. Non faltedes!


venres, 10 de xullo de 2015

Non é certo que non se estea a recortar en Saúde Mental (Secuestro de recursos en Saúde Mental)

Hai menos dun mes, despois de denuncias públicas e mobilizacións contra o seu plan, o Xerente da Área Sanitaria de Santiago comprometeuse a non pechar camas de hospitalización psiquiátrica na Unidade existente no Hospital de Conxo e no resto do Complexo, tal como tiña previsto para cumprir os obxectivos da Consellería de Sanidade.
A día de hoxe, a pesares do prometido, estamos a asistir a unha conduta dos responsables sanitarios en Compostela, protagonizada pola Xerencia e pola Xefatura de Servizo de Psiquiatría, inaudita e perigosa.
Efectivamente, aínda non se pecharon camas psiquiátricas, mais séguense a limitar os ingresos psiquiátricos de pacientes en descompensación aguda e estanse a precipitar as altas, reducíndose temerariamente as estadías hospitalarias. Dese xeito, paseniño, os executores de recortes van reducindo a ocupación de camas e van podendo, así, prescindir de persoal sanitario, un dos obxectivos que perseguen.
E para facer todo isto están a concentrar selectivamente por orde da Xerencia, e coa connivencia do Xefe de Servizo, as hospitalizacións na Unidade de Conxo, que ían pechar en xullo, enviando dende Admisións todos os ingresos á mesma. Nesa Unidade é xefe directo asistencial o actual Xefe de Servizo, e nela é observable un patrón de altas en dente de serra, coma se periodicamente se drenara bruscamente a Unidade, absolutamente incompatíbel co patrón de altas psiquiátricas. Mentres a outra Unidade de Hospitalización, a do Hospital Gil Casares, vai quedando baleira, ao non ingresarse nela pacientes. Velaí a estratexia a seguir para diminuír ocupacións hospitalarias e cuestionar a necesidade de recursos. Non se considera como prioritario as necesidades dos pacientes.
A situación é esperpéntica: o límite de ocupación de camas está predeterminado e fíxado moi por debaixo dos recursos existentes e das necesidades da área asistencial, seguindo só obxectivos xerenciais, de tal xeito que a pesar de dispoñer de camas, intentan ocupar un número menor que as prazas libres, para que así se poidan soportar os recortes de persoal sufridos. O resultado é a eliminación de facto de recursos sanitarios públicos, xa que non se ofrecen aos doentes.
O dano que se está a causar ás persoas con enfermidade mental é grave: néganselle medios asistenciais que están ao seu servizo por dereito, e expóñense a riscos graves para a súa saúde e a súa vida, ao limitarlle a atención que necesitan; cárgase ás familias coa obriga asistencial e de coidados que corresponde á sanidade pública e que pagaron cos seus impostos. O dano que se está a causar á sanidade pública é evidente ao impedir a eficacia terapéutica que os profesionais co seu traballo poderían acadar.
Non é certo que quen nos goberna teña agora maior sensibilidade social, como insisten en dicir. Non é certo que pararan os recortes. Non é certo que non se estean a pechar máis camas que as que dixeron. Non é certo que estean a respectar as necesidades asistenciais das persoas. Só é certo que minten algo mellor de como o facían hai un ano.

Este xeito de administrar e dirixir a sanidade pública, e moi en particular a atención á saúde mental, debe rematar. Os executores dos recortes deben marchar, e tod@s debemos prepararnos para reparar o inxente dano que están a causar no público, no que é de tod@s, e na saúde e dereitos d@s cidadáns. Mentres tanto non imos deixar de denunciar os danos que a denegación da atención sanitaria á que teñen dereito poida causar ás persoas afectadas por enfermidade mental.

xoves, 18 de xuño de 2015

Programa definitivo da II Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental (ACTUALIZACIÓN)


Xa temos programa definitivo para as nosas xornadas do 20 de xuño. Aquí volo deixamos, e recordámosvos que podedes inscribirvos enviando un correo ao noso enderezo mgsaudemental@gmail.com


 
Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental
En Santiago o 20 de xuño
EN DEFENSA DOS DEREITOS NA ATENCIÓN Á SAÚDE MENTAL
  • Salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Sur)
Horario:
9.30-Recepción de asistentes
9.45-Presentación e apertura da actividade da Xornada.
Rosa Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.
10.00- Mesa 1: O estado dos dereitos na atención á saúde mental.
Moderadora: Rocío Basanta Matos. Psicóloga clínica. Hospital Universitario Lucus Augusti.
  • Sanidade: dereito ou negocio. Pablo Vaamonde García. Médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña).Coordinador do libro "La salud como negocio".
  • Os tratamentos involuntarios. Fuencisla Ladron de Cegama Escudero. Fiscal. Fiscalia de Área de Santiago de Compostela. Protección de persoas con discapacidade.
  • A cuestión da contención física. Miguel Anxo García Alvarez. Psicólogo clínico. Hospital Clínico Universitario de Santiago.
  • Os dereitos dende a perspectiva das persoas con enfermidade mental. Carlos García Lampón. Comité de persoas con enfermidade mental-FEAFES.
11.45- Descanso-Xuntanzas de grupos locais.
12.30-Conferencia-coloquio.
Moderadora: Ana Riveiro Currais. CCOO Sanidade.
A influencia do TTIP nos servizos públicos de saude. Manuel Lago. Economista de CCOO e profesor de Relacións Laborais da Universidade de A Coruña.
14.00-Descanso. Xantar.



16.00-Mesa 2: Cuestións sobre o suicidio.
Moderadora: Vanessa Vilas Riotorto. Psicóloga clínica. Práctica privada. A Laracha. A Coruña.
  • O suicidio en cifras. Delia Guitián Rodríguez. Psicóloga Clínica. Hospital Universitario Lucus Augusti.
  • Estudio sobre o suicidio en Galicia. Benito López-de Abajo Rodríguez. Médico Forense. Xefe de Servizo de Clínica Médico Forense do IMELGA.
  • Explicacións ó suicidio. Gonzalo Martínez Sande. Psicólogo Clínico. Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña.
  • Experiencia de un Programa de Intervención Intensiva en conducta suicida no Complexo Hospitalario de Ourense. Amparo González García. Enfermeira Especialista en Saúde Mental. Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
17.45- Descanso.
18.00- Asamblea do MGSM.
19.00- Despedida e peche.



  • A inscripción é gratuita. O número de inscripcións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e darase prioridade por orden de inscripción.


  • As mesas desenvolveranse a través de exposicións, coordinadas por moderador/a, que en total no superarán os 70 minutos deixando o tempo restante (35 minutos) para intervencións e debate dos asistentes.


mércores, 17 de xuño de 2015

A Mobilización colectiva frea novamente o peche de camas

Este verán non se pecharán camas de hospitalización psiquiátrica na Área Sanitaria de Santiago. A intención de facelo estaba reflexada no Plan de continxencias elaborado pola Xerencia da Área e que foi coñecido extraoficialmente, moi ó pesar da Dirección, pol@s traballador@s de saúde mental. O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) manifestouse radicalmente oposto a el, desenvolvéndose diversas accións nestes días protagonizadas polo colectivo profesional.
Finalmente, o pasado venres, a Xerencia comunicou directamente a unha representación de traballadoras, que o peche anunciado de 15 camas psiquiátricas, non ía ter lugar.
É unha moi boa nova. É motivo de satisfacción e orgullo para os profesionais que se mobilizaron na defensa dos dereitos asistenciais sanitarios dos cidadáns, da sanidade pública, dos recursos de asistencia á saúde mental e dos dereitos d@s traballador@s.
Outra vez -como cando o ano pasado se freou o plan de peche da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Gil Casares-, foron a unidade, a actitude decidida, o esforzo e a conciencia de estar na razón e no dereito defendendo o que é de toda a poboación, o que fixo que os nosos xestores abandonaran un plan elaborado como consecuencia dos recortes que se están a sufrir nos servizos públicos. Fronte a este xeito da Consellería de Sanidade de respostar á crise, contrapuxemos a loita decidida, firme e unitaria d@s traballador@s para evitalo.
Sen embargo, durante os días nos que se mantiveron a incertidume pola ameaza de peche de camas e as accións do colectivo de profesionais para remedialo, ocurreron feitos extremadamente graves na Área de Saúde Mental do CHUS, por parte do Xefe de Servizo , que atentan contra a liberdade de expresión ó adicarse a arrincar carteis e pancartas elaborados polos traballador@s con lemas de protesta contra os recortes e o peche de camas. Estes feitos foron postos en coñecemento dos responsables do Complexo Hospitalario de Santiago a través dos procedementos administrativos previstos para tal efecto.

Desde o MGSM valoramos como conduta grave, daniña para a convivencia, lesiva para os dereitos fundamentais e laborais, e inaceptable nunha sociedade democrática, a actitude que durante o conflito tivo o Xefe de Servizo de Psiquiatría do CHUS, por considerala incompatible co desenvolvemento da súa función. É obriga de tod@s impedir que estas condutas se produzan impunemente na sanidade pública.

luns, 8 de xuño de 2015

MANIFESTO: NON AO PECHE DE CAMAS EN SAÚDE MENTAL


SEGUEN A FACER RECORTES EN DEREITOS ASISTENCIAIS E NA SANIDADE PÚBLICA: NON AO PECHE DE CAMAS EN SAÚDE MENTAL
Á Conselleira de Sanidade e aos seus Xerentes dálles igual que as condicións de saúde mental da poboación se teñan agravado, cuns indicadores de mala evolución incontestables: o aumento de trastornos psíquicos, o incremento dos suicidios, a elevación do consumo de psicofármacos, a maior morbi-mortalidade daqueles que sufren trastorno mental grave. Estos indicadores, entre outros, non son os datos que orientan a súa xestión. A quen nos goberna élle indiferente que a situación dos máis febles da sociedade siga a empeorar. Eles teiman nos recortes en servizos esenciais para a poboación, nomeadamente da sanidade pública.
Para este verán, outramente, volven tentar pechar prazas de hospitalización psiquiátrica na Área Sanitaria de Compostela. Pretenden eliminar 15 prazas hospitalarias na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Medico - Cirúrxico de Conxo.
Argumenta a Conselleira que é debido ás vacacións do persoal, e que sempre se fixo así, e que tamén sempre se protestou por iso. Só ten razón na última das afirmacións. No referido á atención ás persoas con enfermidade mental os dous primeiros argumentos son radicalmente falsos. Minte a Consellería, coma o ano pasado xa mentía o Xerente da Área de Santiago cando argumentaba que se podían pechar prazas de hospitalización psiquiátrica no Hospital Gil Casares porque a ocupación era baixa (cando daquela era superior ao 85%, e quen así argumentaba era coñecedor diso).
Non lograron pechar o ano pasado, no que foi o primeiro intento de supresión de prazas psiquiátricas aproveitando o que chaman “peche estacional”. Entón non é certo que sempre se fixera.
Tampouco o é que sexa por causa das vacacións do persoal asistencial, xa que os profesionais de saúde mental veñen asumindo dende sempre temporalmente a variación da carga de traballo estacional para posibilitar o descanso de todos/as, sen por iso eliminar ningún recurso asistencial. Minten así outra vez.
Ocultan que o recorte que dende a Consellería e a Xerencia da Área se está a realizar en persoal asistencial, como parte da sua xestión da crise, fai que se achegue o momento da redución de prazas hospitalarias. Con isto recórtanse xa abertamente os dereitos asistenciais dos cidadáns e especialmente dos máis vulnerables e necesitados. Parecen pensar que os cidadáns enferman por riba das súas posibilidades.
Dende o Movemento Galego da Saúde Mental afirmamos que non sobra, nin tan sequera temporalmente, unha soa praza de hospitalización psiquiátrica na Área Sanitaria de Compostela, xa que as condicións de saúde mental da poboación están a agravarse e os padecementos psíquicos non son estacionais. Afirmamos tamén que se está a restrinxir inxustamente o dereito dos cidadáns ao tratamento hospitalario mediante a negativa a realizar ou demorar o ingreso psiquiátrico, ou mesmo dando a alta precozmente, derivando así de xeito inaceptable a carga do coidado e a asistencia sobre as familias dos pacientes.
Non é tolerable o peche dun só recurso de atención á saúde mental. A infradotación nesta área asistencial é recoñecida por todos. O empeoramento da saúde mental da poboación por culpa da crise está demostrado. É unha proba de inxustiza, insensibilidade e irresponsabilidade dos nosos gobernantes reducir recursos de hospitalización psiquiátrica nun momento así.
O Movemento Galego da Saúde Mental chama a todos, profesionais, usuarios, familias, cidadáns, organizacións sociais e institucións públicas, a opoñerse cívicamente a estas pretensións dos xestores da sanidade pública galega, a defender o patrimonio de todos, e a pelexar polo dereito á saúde e á asistencia sanitaria.




martes, 2 de xuño de 2015

O MGSM esixe a participación de todo o persoal nas decisións do Servizo de Psiquiatría de Santiago de Compostela

Con data do 13 maio de 2015, fíxose entrega por rexistro de entrada dunha  carta, promovida dende o MGSM, solicitando ao Xefe de Servizo de Psiquiatría a creación de canles e foros de participación nas decisións organizativas do servizo. Asinaron 135 membros do persoal, de todas as categorías profesionais e centros.

Compartimos con todos vós o contido desta carta e a resposta que recibimos:



Dr. Mario Páramo Fernández
Xefe de Servizo de Psiquiatría
Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela - SERGAS


Os profesionais da saúde mental de toda Galiza vimos asistindo a un sistemático e continuo deterioro na atención á poboación enferma, que ten a ver, en boa medida: 1) cunha constante diminución dos recursos profesionais na sanidade pública; 2) ca ausencia de plans específicos centrados nas necesidades actuais dos pacientes; e 3) cuns obxectivos xerenciais centrados na diminución do gasto, e ca derivación de recursos a entidades privadas. A anulación do Plan Estratexico de Saúde Mental 2006-11, abortou unha oportunidade excepcional de situar a nosa rede asistencial na media do estado español. Estos últimos anos, de nefasta xestión sanitaria, alértanos dun futuro camiño de precariedade que conlevará unha perda de calidade na atención aos doentes.


A exclusión dos traballadores do Servizo de Psiquiatría da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela na discusión, deseño e decisións estratéxicas que se están a tomar pola actual Xefatura de Servizo e pola Xerencia, vulnera a legalidade, lesiona os nosos dereitos, e priva aos usuarios das aportacións valiosas dun amplo grupo de profesionais de consolidada e contrastada formación e experiencia, así como exclúenos da corresponsabilización dos resultados das políticas sanitarias a aplicar. Como traballadores da sanidade pública, e ao abeiro da legalidade vixente, esiximos unha participación activa no deseño e execución das políticas sanitarias e dos programas asistenciais na nosa área sanitaria.


Por todo a anterior, os abaixos asinantes, membros do Servizo de Psiquiatría da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela do SERGAS, recollendo as propostas do MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL, solicitámoslle:


1) A formalización dunha xuntanza de área mensual, ca participación voluntaria de todos os membros do Servizo, onde se informe e discuta sobre os aspectos estratéxicos xerais do Servizo, no referente a obxectivos, recursos e plans asistenciais.


2) A constitución de comisións estabeis específicas por dispositivos (Unidades de Saúde Mental, Unidades de Hospitalización, Unidades de Rehabilitación, Unidades específicas, Unidades de Longa estancia, entre outras), con xuntanzas regulares, onde participen os profesionais implicados, co fin de definir e consensuar os obxectivos, recursos, plans e estratexias máis acaídas para cada ún deles.


3) Creación, segundo as necesidades, de comisións para a coordinación entre dispositivos, cando así cómpra: coordinación das USM con atención primaria; coordinación entre dispositivos de hospitalización e rehabilitación;  comisión para o trastorno mental grave; coordinación entre os dispositivos de atención ao TMG e recursos de servizos sociais; comisión para a prevención da conducta suicida; entre outros. Nelas participarían os profesionais implicados, e mesmo representantes de familiares e pacientes se fora o caso.


Con data do 21 de maio, recibimos a seguinte resposta:


Dr. Mario Páramo Fernández
Jefe de Servicio de Psiquiatría del CHUS
Por la presente, informe al colectivo al que Vd. pretende representar que en la EOXI de Santiago de Compostela el seguimiento de objetivos del Servicio de Psiquiatría se realiza por el Comité de Dirección, formado por los Jefes de Sección de diferentes dispositivos (UHP. Rehabilitación, Psiquiatría Ambulatoria), Representante Psicología, Psiquiatría Infanto-juvenil e Enfermería, a través de los cuales se podrán hacer llegar cualquier demanda o sugerencia.

Le informo igualmente que la Estrategia Sergas incluye un apartado de Salud Mental al que se ciñen las directrices del Servicio de Psiquiatría de la EOXI de Santiago de Compostela.

Actualmente se está estableciendo una nueva estrategia Sergas 2015-2020, por la que cualquier aportación del colectivo será vehiculada al Aergas por el Comité de Dirección.

venres, 15 de maio de 2015

Acto Informativo: A situación da saúde mental en Galicia


O día 20 de maio, a compañeira do MGSM Marisol Filgueira participará na Coruña nun acto informativo sobre a situación da saúde mental en Galicia. Podedes consultar e descargar o programa facendo click AQUÍ. Contamos coa vosa participación!



mércores, 29 de abril de 2015

Suicidios en Galicia no 2014


A memoria do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) referida ao ano 2014 informa que en Galicia producíronse 394 mortes por suicidio.

Lamentablemente, eses datos elevan en catro mortes máis as cifras que estimara o Movemento para ese ano, e confirman o incremento progresivo de morte por esta causa na nosa comunidade, situando a taxa de Galicia en 14,24 por 100.000 habitantes.

Toda a información no seguinte enlace


mércores, 22 de abril de 2015

Segundas Xornadas do Movemento Galego de Saúde Mental


 Ante o éxito das anteriores xornadas, organizadas polo MGSM en xuño de 2014, este ano queremos repetir a experiencia e contar coa vosa participación. A data prevista para estas segundas xornadas é o 20 de xuño de 2015.

Deixámosvos un avance preliminar da programación:

1. Conferencia: o Tratado de Libre Comercio e como afectará, de asinarse, ao actual modelo sanitario

2. Mesas Redondas

- Suicidio: epidemioloxía e factores de risco, prevención.

- Dereitos en Saúde Mental


Agardamos que vos resulte interesante, continuaremos actualizando información a medida que se confirmen relatores e se concreten aspectos organizativos

A inscrición pode facerse mediante un correo ao noso enderezo mgsaudemental@gmail.com, indicando datos persoais e solicitando asistencia.

Contamos coa vosa participación!


xoves, 12 de marzo de 2015

Rolda de prensa do MGSM: significativo aumento dos suicidios


                           Foto: @copgalicia

Onte, día 11 de marzo, o MGSM convocou unha rolda de prensa para dar conta dunha das preocupacións máis graves no eido da saúde mental: o aumento no número de suicidios, e a falta de información ao respecto por parte das autoridades. 

O acto contou cunha ampla asistencia de medios, que se traduciu nestas horas posteriores nunha ampla cobertura mediática dos datos achegados polo MGSM.

Para a vosa información, reproducimos aquí a nota de prensa de Eliana Martíns e as diversas novas ao respecto.


O Movemento Galego da Saúde Mental alerta do significativo incremento do suicidio en Galicia

O Movemento Galego da Saúde Mental presentou o día 11 de marzo de 2015 en Santiago de Compostela a súa valoración sobre o que considera como alarmante incremento da taxa de suicidio en Galicia. Baseándose nos propios datos que manexa, estímase que a taxa chegou en 2014 a 14 casos de suicidio por cada cen mil habitantes, unha cifra 2 puntos superior á de 2013 (12,03 por cada cen mil habitantes en Galicia fronte ao 8,3 no conxunto do Estado).
Segundo o portavoz do MGSM, Miguel Anxo García Álvarez, este espectacular incremento que se vén producindo desde o comezo da crise, garda relación directa coas consecuencias da crise. “A crise creou as condicións de risco, un risco xa avisado pola Organización Mundial da Saúde, que sinalara as accións para amortecelas. A ausencia de acción do Goberno é o que nos leva a esta situación”. 

En canto á responsabilidade administrativa, o MGSM amosouse tallante: “un goberno sanitario debe darse por fracasado se no seu mandato as previsións realizadas por un organismo como a OMS se cumpren con danos á poboación”.

“Encadeamos 4 anos seguidos de subidas. O incremento está sendo alarmante”, tendo en conta que en 2010 a taxa de suicidios na comunidade era de 9,81 por cada cen mil habitantes. En cifras absolutas, as persoas que se quitaron a vida en Galicia foron 390 segundo os datos propios do MGSM, fronte ás 333 de 2013.

Cómpre resaltar que na única provincia que conta cunha unidade sanitaria especializada na prevención do suicidio, Ourense, se produciu unha redución máis notable da taxa de suicidio. Esta cuestión ten unha maior incidencia en Galicia, onde sempre presentou unha taxa de suicidio superior á da media do Estado.

Estas repercusións da crise percibíronse noutros ámbitos da vida das galegas e dos galegos, tal e como indicou o MGSM, co que o aumento de casos de suicidio é un terrible indicador da gravidade da situación. 

Segundo o informe SESPAS produciuse un incremento no consumo de antidepresivos, de hipnóticos e de tranquilizantes, e tamén aumentaron os trastornos de ánimo ou o incremento de consumo de alcol, por exemplo. Circunstancias que se deben a un cambio “significativo” das condicións de vida da cidadanía.

Houbo fortes críticas sobre a tardanza na publicación dos datos por parte do Instituto Nacional de Estatística, que deixou pasar un ano ata informar sobre os falecementos por suicidio. “Este retraso amortece os efectos sobre a sociedade porque xa queda lonxe no tempo”, indicou o portavoz do MGSM, Miguel Anxo García. “Alertamos sobre os danos aos dereitos e ás prestacións da poboación”, e sinalouse unha política restritiva na hospitalización psiquiátrica para ofrecer unha imaxe de sobredotación de recursos.

O MGSM nacía en marzo de 2013 e tal e como indicou o propio García Álvarez, “o que nos alertou hai un ano segue aí”, e engadiu que os datos e as reflexións expostas constitúen unha “situación alarmante para quen traballamos en saúde mental”. 

Reivindicaron que se cumpran as recomendacións da OMS encamiñadas a aliviar a carga da débeda sobre as familias, aplicar políticas activas de emprego, de proteción social, de atención sanitaria, para frear as insoportables consecuencias que está a ter sobre a cidadanía esta crise económica.

    1. Os casos de suicidios ascende a 390 en 2014, segundo os datos propios do MGSM.

    2. O Movemento denuncia a falta de transparencia na información por parte das autoridades públicas.

    3. Asocian este preocupante incremento á inacción das autoridades sanitarias.

Podedes consultar as novas de prensa no noso blogroll ou clicando nas seguintes ligazóns: Sermos Galiza, Galicia Confidencial, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Europa Press, La Voz de Galicia, Diario Médico.

mércores, 11 de marzo de 2015

Rolda de prensa MGSM



Hoxe na Galería Sargadelos, o MGSM ofrecerá unha rolda de prensa onde informaremos das reinvindicacións do Movemento e das actuacións previstas nos próximos meses, tanto no que respecta a mobilizacións como a outras iniciativas. A vosa presenza é fundamental, non faltedes!



ROLDA DE PRENSA MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL
GALERÍA SARGADELOS, SANTIAGO DE COMPOSTELA
MÉRCORES 11 DE MARZO, ÁS 17,30 HORAS