xoves, 24 de xullo de 2014

Ante unha etapa social e sanitaria decisiva para a Saúde Mental


A situación social e sanitaria continúa o seu agravamento progresivo. O peor en enfermidade mental, pobreza e marxinación social aínda está por chegar. Mentres os gobernantes de Madrid e da Xunta felicítanse de acandaren os obxectivos de déficit, agochan que seis mil millóns de euros públicos obtéñenos da perda das prestacións por desemprego (dous de cada tres parados en Galicia non cobra a prestación). E ó mesmo tempo que as autoridades sanitarias “inventan” sistemas para manter á xente enferma ocupando cama nas súas casas, presentando como un éxito de xestión o recorte de camas de hospitalización, empeoran os datos que informan da saúde mental da poboación e do aumento das necesidades asistenciais.
A relación entre pobreza-enfermidade mental-marxinación social e desesperación está ben demostrada. A Consellería de Sanidade ten os datos de como se está a agravar a situación xeral neste eido. Pero mantenos agochados incumprindo o seu deber de información pública. Tampouco presenta ningún plan de actuación, desatendendo a súa obriga. Nada nos anuncia en saúde mental un próximo período mellor. Todo o contrario. A atención á saúde mental tamén seguirá o seu plan de privatización e recortes.
Neste contexto faise aínda máis necesaria a presenza, ampliación, actividade e reforzamento do Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM). Dende que se presentou publicamente hai catro meses, o MGSM contribuíu de xeito importante a poñer a situación da saúde mental en lugar relevante entre as preocupacións informativas e políticas, ampliou e diversificou a súa composición, enfrontouse a intentos de redución de recursos, denunciou movementos cara a privatización de servizos, formulou análises e alternativas, e xuntou a máis de duascentas persoas na Xornada recentemente celebrada en Compostela.
Comprobamos que con traballo, razóns, argumentos, e decisión pódese facer fronte ás actuacións que están a danar o patrimonio sanitario común, e que poñen en risco a asistencia sanitaria da poboación.
Temos por diante unha etapa preocupante. Aínda non chegou a crista da onda do dano social e sanitario causado pola solución que dende os gobernos central e autonómico se está a dar á crise. Debemos prepararnos, porque veñen máis intentos de redución do patrimonio común e dos dereitos sanitarios e sociais, máis limitación ás prestacións, máis privatización. En definitiva, máis dano á asistencia á saúde mental da poboación.
Temos varias tarefas principais para o tempo vindeiro:
  • Cómpre ampliar e reforzar a unidade e diversidade do MGSM, buscando o compromiso de todos quen comparten a súa Declaración Fundacional, o seu compromiso e o seu traballo.
  • Tense que seguir con atención o desenvolvemento das reformas legais en proxecto, nomeadamente a do Código Penal.
  • Hai que xerar en cada Área Sanitaria organización e actividade para enfrontar o deterioro dos recursos e as actuacións antidemocráticas dos xestores en cada lugar onde ocorra.
  • Débese avanzar con rigor técnico na definición de propostas sanitarias e sociais concretas, para corrixir o deterioro da atención á saúde mental, e en particular aquelas que resposten ás necesidades das persoas con trastorno mental grave e as súas familias.
  • Temos que defender e denunciar calquera dano ós recursos e dereitos sanitarios, sociais ou laborais.
  • Cómpre manter a actividade sensibilizadora social e a cooperación cos medios de comunicación, así como promover nas Institucións posicionamentos de defensa da saúde mental da poboación.
  • Débese, por todos e cada un de nós, desenvolver o noso traballo cun compromiso activo ca defensa dunha atención sanitaria de calidade e do sistema sanitario público.
Nun tempo inmediato comenzamos xa a organizar as accións que han de dar ó Día Mundial da Saúde Mental, a celebrar o 10 de outubro, o seu xusto significado, aquí e agora, para que sexa protagonizado por quen padece os problemas e por quen contribúe ás solucións. Nese día deixaremos atrás, ca participación de todos, as meras accións autopropagandísticas ás que nos teñen acostumados dende a Consellería de Sanidade.,
É todo este un traballo ó que chamamos a todas as persoas sensibles e solidarias, comprometidas co ben común, convencidas de que a igualdade e a xustiza son as bases máis desexables e firmes para a convivencia.
Para todo iso o Movemento debe ser un instrumento útil, facilitador da participación e coordinador da pluralidade e a creatividade de todos quen o compoñen.


luns, 21 de xullo de 2014

O MGSM amosa o seu apoio á Plataforma de vítimas do Alvia

Co obxectivo de agradecer o apoio e a atención prestada por todas aquelas persoas que colaboraron nos primeiros momentos e días sucesivos o accidente de Angrois, a Plataforma Víctimas Alvia 04155, xunto con outras vítimas e familiares do accidente remiten a seguinte carta, na que ademáis explican o motivo do rexeitamento da medalla que a Xunta lles quere outorgar no acto do próximo día 24.

Dende o Movemento Galego da Saúde Mental sumámonos a todo o dito no escrito, o cal poñemos a disposición de todos vós para tratar de difundila.

19 de Julio de 2014
CARTA DE VÍCTIMAS Y FAMILIARES A LOS COLECTIVOS DE TRABAJADORES QUE COLABORARON EN EL RESCATE Y ATENCION DEL ACCIDENTE DEL TREN DE SANTIAGO

            La Asociación Plataforma de Víctimas Alvia 04155, junto con otras víctimas y familiares de víctimas del accidente de tren de Santiago, unidas a través de las redes sociales, queremos agradecer públicamente el comportamiento de los vecinos de Angrois, los primeros en ofrecer su auxilio y atención a las víctimas, así como a todos los trabajadores que colaboraron en atendernos tanto en los primeros momentos como en los días sucesivos: sanitarios, bomberos, policías, protección civil, personal del juzgado, servicios administrativos, etc.

            A todos los que prestasteis vuestra ayuda, bien  de forma desinteresada o bien ejerciendo  vuestro trabajo con una gran profesionalidad, os queremos dar nuestro agradecimiento más sincero. Ha pasado un año, pero os podemos asegurar que, por muchos años que transcurran, nunca olvidaremos vuestra noble conducta, vuestra ayuda, vuestra solidaridad, vuestro apoyo en momentos tan difíciles. Esa conducta os ennoblece.

            Algunos pensareis que sólo cumpliais con vuestra obligación, pero nosotros sentimos una entrega más allá de lo profesional. Otros actuaron de forma solidaria, movidos tan solo por el deseo de ayudar a otras personas, de manera anónima, sin buscar el reconocimiento, es una acción noble que nos permite, dentro de todas las miserias que uno tiene la desgracia de encontrarse a lo largo de su camino vital, reconciliarse con la Humanidad y tener esperanza en el futuro.

            El día 24 de julio queremos homenajear a las fallecidos, heridos y familiares,  en un acto en el que habrá también un reconocimiento a todos vosotros.

            Ha sido un año muy duro, de dolor y sufrimiento, de recuperación y duelo, pero también de demanda y trabajo por saber la verdad y por exigir que se depuren responsabilidades, penales y políticas.  Un año en el que el PSOE y el PP han impedido reiteradamente que se constituya una Comisión de Investigación en el Parlamento Gallego y en el Congreso de los Diputados, evitando que se investiguen las circunstancias y los responsables. Porque nos mienten intentando responsabilizar únicamente al maquinista, porque nos vendieron una línea y un tren de alta velocidad, con la última tecnología y sistemas de conducción automática. Lamentablemente todo era mentira menos la velocidad, los sistemas de conducción automática no cubrían la línea Orense-Santiago porque así lo decidieron durante el anterior gobierno del PSOE, con José Blanco, y en el actual gobierno del PP, con Ana Pastor. El accidente se podría haber evitado.

            Los mismos que nos niegan saber la verdad y ocultan responsabilidades  quieren dar una medalla a las víctimas que no queremos, porque lo único que hicimos fue subir a un tren que no cumplía la normativa de seguridad. Los mismos que se hicieron la foto al inagurar la línea, quieren hacerse fotos con nosotros y con los que verdaderamente demostraron una enorme humanidad y profesionalidad. Quieren instrumentalizar el dolor y van a provocar aún más, entre víctimas y familiares, porque hasta el día que queremos dedicar al recuerdo de los que ya no están, vamos a tener que estar luchando por su memoria y por nuestra dignidad. Por este motivo nos vemos obligados a no asistir al acto y a protestar por su celebración el mismo día en el que se homenajea a las víctimas y que  queríamos que fuera de silencio y respeto. Por eso, nos concentraremos en silencio frente al lugar de celebración.



NOS AYUDA VUESTRA COMPRENSIÓN Y APOYO.     SIEMPRE GRACIAS

Plataforma Víctimas Alvia 01455.

sábado, 19 de xullo de 2014

Grupo 'Coordinadora Antiprivatización da Sanidade'


Acta da reunión celebrada el día 15/7/2014

Reunidos representantes dos grupos Movemento Galego pola Saúde Mental, Foro Galego da Inmigración, A Fronte Cívica, Persoas sen Teito e 15 M Monte Alto, decídese crear o grupo de traballo denominado Coordinadora Antiprivatización da Sanidade. Aínda que non asistiron os representantes da Asociación de Veciños Os anxos, 15M da Ría e Punto y Seguido, confirmaron posteriormente o apoio ás resolucions que se tomaran.

Suxeríronse as siguintes accións a realizar:

-      Reparto de folletos explicativos todas as semanas en hospitais e ambulatorios, tanto a pacientes como a profesionais, para que ambos denuncien os abusos que se produzan, e fagámolo público. A parte dos repartos colectivos, cada persona no seu ámbito repartirá os folletos que poda.

-        Celebración dun acto informativo no auditorio A Fábrica en Oleiros.

-        Proxección da película Sicko de Michael Moore en lugar por determinar.

-         Realización de actos informativos polos barrios da cidade.

-         Creación da conta de correo defensasanidade@gmail.com  

O obxectivo é facer que a xente coñeza a situación, faga reclamacións de todas as anomalías e nolas fagan chegar para facelas públicas.
Poñédevos en contacto con SOS Sanidade Publica da Coruña para tentar coordenar esforzos e xuntarnos na loita.

xoves, 10 de xullo de 2014

Galizacontrainfo publica Video Acto informativo en defensa da sanidade pública (A Coruña 04.07.2014)




Publicado o 8 xullo, 2014 

Ante o retroceso que está a sufrir a nosa sanidade pública, e ante o desmantelamento encuberto do sistema, cremos importante e necesario informar á cidadania do que está a acontecer, e informarlle da privatización que se está a facer ás agachadas de todo o noso sistema de saúde. De non deter este proceso, desembocará nunha sanidade para ricos e outra para pobres. 

SOS sanidade Publica, Movementos sociais da cidade, AAVV, A Fronte Civica, 15M, Medicos do Mundo, o Foro Galego de Inmigracion, Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda, Movemento Galego pola Saúde Mental e a Asociación Cancro de Mama convocan unha concentración informativa no palco da música dos cantóns da Coruña, para informar á cidadanía do que ocorre coa nosa Sanidade. É o inicio dunha campaña que estenderemos por todos os medios posibles para que @s cidadás saiban o que os nosos gobernantes están a facer, e podamos entre tod@s paralizar a desaparición do noso Sistema Público de Saúde tal e como o coñecemos hoxe.




xoves, 3 de xullo de 2014

Unha sanidade pública para tod@s: 4 de Xullo en A Coruña

O próximo 4 de xullo o Movemento Galego para a Saúde Mental participará nun acto informativo e unha concentración para a defensa da sanidade pública, universal e gratuita.

O acto terá lugar ás 20:00 no palco da música ubicado nos Cantóns da Coruña e ademáis do Movemento participarán outras entidades coma SOS Sanidade Pública ou Médicos do Mundo, entre outras.

Ca participación de tod@s podemos rematar con esta política de recortes que se está levando a cabo na Sanidade Pública e que tan fatales consecuencias está a ter na calidade dos servizos e a atención á poboación.


martes, 1 de xullo de 2014

As xornadas do Movemento Galego da Saúde Mental, todo un éxito


As xornadas organizadas polo MGSM o pasado sábado 28 de xuño reuniron a case 200 persoas relacionadas co ámbito da saúde mental, con asociacións de familiares, pacientes, persoal sanitario e sindicatos, profesionais da xustiza e do traballo social, que durante todo o día achegaron a súa visión dende os diferentes ángulos do problema do progresivo deterioro da asistencia sanitaria en Saúde Mental.

As xornadas resultaron un éxito de organización e convocatoria, aglutinando e poñendo en contacto as diferentes prespectivas sobre un mesmo problema: a política privatizadora e de abandono do sistema público de saúde, tanto dos seus usuarios como dos profesionais que nel traballan.

Do intenso traballo realizado en case oito horas de xornadas, podemos extraer as seguintes conclusións, a xeito de resumo do que se expuxo nas diferentes mesas:

-Atopámonos ante un retroceso lexislativo que afecta especialmente ás persoas con enfermidade mental, ao propoñer o anteproxecto de lei de reforma do Código Penal a eliminación das faltas e á volta ao concepto de “perigosidade social”, facendo recaer sobre os profesionais médicos e os da xustiza a responsabilidade de decidir quen é ou non perigoso. Por outra banda, vulnera a esencia das penas privativas de liberdade, que debera ser a reinserción social e rehabilitación, substituíndo estes principios polos de segregación do diferente. Os profesionais, pola súa banda, non só non atopan nesta reforma resposta aos baleiros legais cos que se atopaban ata o momento (contención física) senón que se atopan aínda máis desprotexidos.

-A reforma dos hospitais psiquiátricos na Galiza foi levada a cabo de xeito parcial, sen planificación e sen obxectivos, situación que empeorou aínda máis nos últimos anos, e realidade da cal Conxo é o paradigma. Non existe na actualidade un plan para o psiquiátrico de Conxo, ou cando menos non un que sexa coñecido por todos. Ao progresivo peche de camas non seguiu unha implementación de recursos comunitarios, senón que os pacientes foron trasladados a outros dispositivos residenciais, na maior parte dos casos concertados con empresas privadas, e con menor calidade asistencial (transinstitrucionalización). Para os que fican aínda no psiquiátrico, non existen programas definidos, liñas de actuación nin directrices, máis aló do esforzo e traballo de cada profesional individual. O persoal de enfermaría e auxiliares tamén dan conta da neglixencia e deixadez que perciben nos últimos anos na súa formación, que dan como resultado un empeoramento das condicións de traballo do persoal, así como da asistencia aos doentes.

-De forma parella ao deterioro da asistencia e á perda de dereitos dos doentes, estase a dar unha perda de dereitos laborais para os traballadores e traballadoras, como a fixación por parte do Ministerio de Traballo (e non do de Sanidade) da duración das baixas para cada patoloxía, a transferencia das valoracións de baixa ás mutuas (de novo empresas privadas) e a posibilidade de que estas teñan acceso ao historial médico completo do doente, vulnerando así o seu dereito á confidencialidade médico-doente. Por outra banda, os traballadores da sanidade tamén perciben un deterioro do seu traballo, sen direción clara, sen planificación e con criterios de tipo económico e non clínico. No caso concreto do hospital de Día, o plan que existía para a rede galega de Hospitais de Día nunca chegou a implementarse por completo, e de feito nin sequera aparece mencionado nas planificacións dos últimos anos, ou é mencionado de xeito inexacto ou confuso, amosando a neglixencia e falta de interese das autoridades ao respecto.

-As unidades especializadas, como Psicoxeriatría e Saúde Mental Infanto-xuvenil, están a correr a mesma sorte debido ao abandono institucional, con profesionais desbordados e non recoñecidos, equipos infradotados e de novo nula planificación.

-As cifras de suicidio elévanse progresivamente nos últimos anos no noso país, inducidas pola crise económica e agravadas aínda máis pola falta de medidas sanitarias e sociais que podan paliar situacións de estrema desesperanza e necesidade.

-As asociacións de familiares de doentes atópanse nunha encrucillada, tratando de paliar o abandono institucional pero á súa vez con escasos medios, sendo quen de dar atención só a unha pequena proporción de afectados. En moitas zonas non existen alternativas residenciais ou ocupacionais que non pasen polas asociacións de familiares, amosando de novo o abandono por parte da Administración.

Agardamos que estas xornadas sexan só o comezo da actividade dinamizadora e de denuncia artellada dende o MGSM, e que serviran a todos e todas para achegar obxectivo e estratexias dende os diferentes ámbitos da saúde mental. Moitas grazas polo voso apoio e asistencia!