venres, 18 de xullo de 2014
xoves, 10 de xullo de 2014
Galizacontrainfo publica Video Acto informativo en defensa da sanidade pública (A Coruña 04.07.2014)
Publicado o 8 xullo, 2014
Ante o retroceso que está a sufrir a nosa sanidade pública, e ante o desmantelamento encuberto do sistema, cremos importante e necesario informar á cidadania do que está a acontecer, e informarlle da privatización que se está a facer ás agachadas de todo o noso sistema de saúde. De non deter este proceso, desembocará nunha sanidade para ricos e outra para pobres.
SOS sanidade Publica, Movementos sociais da cidade, AAVV, A Fronte Civica, 15M, Medicos do Mundo, o Foro Galego de Inmigracion, Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda, Movemento Galego pola Saúde Mental e a Asociación Cancro de Mama convocan unha concentración informativa no palco da música dos cantóns da Coruña, para informar á cidadanía do que ocorre coa nosa Sanidade. É o inicio dunha campaña que estenderemos por todos os medios posibles para que @s cidadás saiban o que os nosos gobernantes están a facer, e podamos entre tod@s paralizar a desaparición do noso Sistema Público de Saúde tal e como o coñecemos hoxe.
xoves, 3 de xullo de 2014
Unha sanidade pública para tod@s: 4 de Xullo en A Coruña
O próximo 4 de xullo o Movemento Galego para a Saúde Mental participará nun acto informativo e unha concentración para a defensa da sanidade pública, universal e gratuita.
O acto terá lugar ás 20:00 no palco da música ubicado nos Cantóns da Coruña e ademáis do Movemento participarán outras entidades coma SOS Sanidade Pública ou Médicos do Mundo, entre outras.
Ca participación de tod@s podemos rematar con esta política de recortes que se está levando a cabo na Sanidade Pública e que tan fatales consecuencias está a ter na calidade dos servizos e a atención á poboación.
martes, 1 de xullo de 2014
As xornadas do Movemento Galego da Saúde Mental, todo un éxito
As xornadas organizadas
polo MGSM o pasado sábado 28 de xuño reuniron a case 200 persoas
relacionadas co ámbito da saúde mental, con asociacións de
familiares, pacientes, persoal sanitario e sindicatos, profesionais
da xustiza e do traballo social, que durante todo o día achegaron a
súa visión dende os diferentes ángulos do problema do progresivo
deterioro da asistencia sanitaria en Saúde Mental.
As xornadas resultaron un
éxito de organización e convocatoria, aglutinando e poñendo en
contacto as diferentes prespectivas sobre un mesmo problema: a
política privatizadora e de abandono do sistema público de saúde,
tanto dos seus usuarios como dos profesionais que nel traballan.
Do intenso traballo
realizado en case oito horas de xornadas, podemos extraer as
seguintes conclusións, a xeito de resumo do que se expuxo nas
diferentes mesas:
-Atopámonos ante un
retroceso lexislativo que afecta especialmente ás persoas con
enfermidade mental, ao propoñer o anteproxecto de lei de reforma do
Código Penal a eliminación das faltas e á volta ao concepto de
“perigosidade social”, facendo recaer sobre os profesionais
médicos e os da xustiza a responsabilidade de decidir quen é ou non
perigoso. Por outra banda, vulnera a esencia das penas privativas de
liberdade, que debera ser a reinserción social e rehabilitación,
substituíndo estes principios polos de segregación do diferente. Os
profesionais, pola súa banda, non só non atopan nesta reforma
resposta aos baleiros legais cos que se atopaban ata o momento
(contención física) senón que se atopan aínda máis
desprotexidos.
-A reforma dos hospitais
psiquiátricos na Galiza foi levada a cabo de xeito parcial, sen
planificación e sen obxectivos, situación que empeorou aínda máis
nos últimos anos, e realidade da cal Conxo é o paradigma. Non
existe na actualidade un plan para o psiquiátrico de Conxo, ou cando
menos non un que sexa coñecido por todos. Ao progresivo peche de
camas non seguiu unha implementación de recursos comunitarios, senón
que os pacientes foron trasladados a outros dispositivos
residenciais, na maior parte dos casos concertados con empresas
privadas, e con menor calidade asistencial
(transinstitrucionalización). Para os que fican aínda no
psiquiátrico, non existen programas definidos, liñas de actuación
nin directrices, máis aló do esforzo e traballo de cada profesional
individual. O persoal de enfermaría e auxiliares tamén dan conta da
neglixencia e deixadez que perciben nos últimos anos na súa
formación, que dan como resultado un empeoramento das condicións de
traballo do persoal, así como da asistencia aos doentes.
-De forma parella ao
deterioro da asistencia e á perda de dereitos dos doentes, estase a
dar unha perda de dereitos laborais para os traballadores e
traballadoras, como a fixación por parte do Ministerio de Traballo
(e non do de Sanidade) da duración das baixas para cada patoloxía,
a transferencia das valoracións de baixa ás mutuas (de novo
empresas privadas) e a posibilidade de que estas teñan acceso ao
historial médico completo do doente, vulnerando así o seu dereito á
confidencialidade médico-doente. Por outra banda, os traballadores
da sanidade tamén perciben un deterioro do seu traballo, sen
direción clara, sen planificación e con criterios de tipo económico
e non clínico. No caso concreto do hospital de Día, o plan que
existía para a rede galega de Hospitais de Día nunca chegou a
implementarse por completo, e de feito nin sequera aparece mencionado
nas planificacións dos últimos anos, ou é mencionado de xeito
inexacto ou confuso, amosando a neglixencia e falta de interese das
autoridades ao respecto.
-As unidades
especializadas, como Psicoxeriatría e Saúde Mental Infanto-xuvenil,
están a correr a mesma sorte debido ao abandono institucional, con
profesionais desbordados e non recoñecidos, equipos infradotados e
de novo nula planificación.
-As cifras de suicidio
elévanse progresivamente nos últimos anos no noso país, inducidas
pola crise económica e agravadas aínda máis pola falta de medidas
sanitarias e sociais que podan paliar situacións de estrema
desesperanza e necesidade.
-As asociacións de
familiares de doentes atópanse nunha encrucillada, tratando de
paliar o abandono institucional pero á súa vez con escasos medios,
sendo quen de dar atención só a unha pequena proporción de
afectados. En moitas zonas non existen alternativas residenciais ou
ocupacionais que non pasen polas asociacións de familiares, amosando
de novo o abandono por parte da Administración.
Agardamos que estas
xornadas sexan só o comezo da actividade dinamizadora e de denuncia
artellada dende o MGSM, e que serviran a todos e todas para achegar
obxectivo e estratexias dende os diferentes ámbitos da saúde
mental. Moitas grazas polo voso apoio e asistencia!
domingo, 22 de xuño de 2014
Xornada do MGSM o 28 de xuño. Programa definitivo.
O próximo sábado 28 de xuño celébrase no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental.
Podes consultar o programa definitivo máis abaixo ou descargalo premendo no seguinte enlace: Programa definitivo
Inscríbete si aínda non o fixeches, enviando correo a: xornadamgsm@gmail.com
Xornada do
Movemento Galego da Saúde Mental
A Santiago o 28 de xuño
UNIDOS PARA DEFENDER O
DEREITO A UN FUTURO CON SAÚDE
·
Salón de actos da
Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Sur)
Horario:
9.30-Recepción
de asistentes
9.45-Presentación e apertura da actividade da
Xornada.
Rosa
Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.
10.00- Mesa
1: Dimensións legais do que está
acontecer.
·
Moderador:
Benito López-de Abajo Rodríguez. Médico forense. Xefe de Servizo de Clínica
Médico Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
·
A responsabilidade legal do profesional sanitario.
José Gómez Rey. Maxistrado da
Sección VI da Audiencia Provincial en Santiago.
·
Visión crítica da reforma do Código
Penal en relación ca saúde mental.
Antonio Rama Valdés. Fiscal de Santiago.
11.30- Mesa
2-Hospital Psiquiátrico de Conxo: análise e
propostas
·
Moderador:
Alberte Araúxo.Psiquiatra. Hospital Gil Casares. Complexo Hospitalario
Universitario de Santiago de Compostela.
·
Alternativas
do Hospital Psiquiátrico.
Ramón Ramos. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Ramón Ramos. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
·
Traballo
do persoal de enfermería no Hospital Psiquiátrico de Conxo: posibilidades de
mellora.
Ana Blanco. TCAE.
Pilar Baldomir. Auxiliar de enfermería.
Hospital Psiquiátrico de Conxo.Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Ana Blanco. TCAE.
Pilar Baldomir. Auxiliar de enfermería.
Hospital Psiquiátrico de Conxo.Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
·
Lugares,
non lugares e hiperlugares.
Ramón Area. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Ramón Area. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
13.00- Mesa
3- Evolución e situación laboral dos
recursos humanos en saúde mental en Galicia.
·
Moderadora: Ana Riveiro Currais. CCOO Sanidade.
·
A crise, a mellor aliada para o desmantelamento dos
servizos públicos.
Mº Xosé
Abuin Álvarez. Secretaria nacional de CIG-SAÚDE.
·
Acerca dos Recursos Humanos na sanidade.
Antón Casais
Lestón. Psiquiatra e psicanalista do Hospital de Piñor de Ourense.
·
Do dispositivo intermedio ó dispositivo medio
interrumpido.
Chus García
Álvarez. Psiquiatra de Hospital de día. Complexo Hospitalario Universitario
de Santiago de Compostela.
·
A asistencia a drogodependentes en Galicia: do Plan de
Drogas ao baleiro.
Luisa Mª
Blanco Caramés.
14.15-Descanso. Xantar.
16.15-Mesa
4- Crise e saúde mental.
·
Moderadora:
Delia Guitián Rodríguez. Psicóloga Clínica. Hospital Lucus Augusti.
·
Asistencia Psicoxeriátrica en Galicia.
Raimundo Mateos Álvarez. Psiquiatra. Unidade de Psicoxeriatría. Complexo
Hospitalario de Santiago de Compostela.
·
A Crise nos Servizos Sociais.
Mª Sagrario Fernández Méndez. Traballadora Social. Hospital Lucus
Augusti.
·
O suicidio en tempos de crise.
Delia Guitián Rodríguez. Psicóloga
Clínica. Hospital Lucus Augusti.
17.30-Mesa
5-Os dereitos sociais en cuestión.
Situación sociolaboral, asociativa e participativa das persoas afectadas por
Trastorno Mental Grave.
·
Moderador:
Miguel Anxo García Alvarez. Psicólogo Clínico. Hospital Clínico Universitario
de Santiago.
·
A situación dende a
Asociación respecto á dependencia.
Rocío García Castro. Presidenta da Asociación Pro
Saúde Mental A Creba. Psicóloga clínica. Familiar de persoas
con enfermidade mental.
·
A que nos levan 20 anos de movemento
asociativo.
Elvira Varela Fernández. Membro da
Xunta Directiva da Asociación Fonte da Virxe de
Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais.
·
Rehabilitación Laboral:Unha
experiencia de empleo en LAR.
Amelia Varela. Directora-Xerente e
Psicóloga Clínica de LAR pro Saúde Mental de Vilagarcía de Arousa.
·
¿Somos necesarios?...!Somos necesarios!.
Carlos
García Lampón e Cristina Riobó Bernárdez. Membros do Comité de Persoas con
Enfermidade Mental de FEAFES-Galicia.
18.30- Asamblea do MGSM.
19.30- Despedida e peche.
_____________________________________________________________________
·
Para
participar só debes inscribirte enviando correo a esta dirección.
·
A inscripción é gratuita. O número de
inscripcións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e
darase prioridade por orden de inscripción.
·
As
mesas desenvolveranse a través de exposicións, coordinadas por moderador/a, que
en total no superarán os 45 minutos deixando o tempo restante (de 20 a 30
minutos) para intervencións e debate dos asistentes.
martes, 10 de xuño de 2014
ISTO QUE É?
O pasado día 2 xuño unha fundación que ten entre os seus asesores fundamentais a grandes empresas privadas interesadas no negocio da asistencia sanitaria, e que funciona como lobby de presión nas administracións públicas, CONVOCOU ós responsables da Consellería de Sanidade e SERGAS (Conselleira, Xerente do SERGAS, e Dir. Xeral de Asistencia Sanitaria) e ós responsables asistenciais da saúde mental (Xefes dos Servizos de Psiquiatría de todas as áreas sanitarias) a unha xuntanza-xantar no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.
A xuntanza aparece patrocinada por un determinado laboratorio farmacéutico, con intereses comerciais inmediatos na promoción dun novo fármaco para o tratamento do alcoholismo; e é organizada por unha empresa promocionadora e facilitadora do éxito comercial, que a dota dunha enganosa apariencia técnica ( invitando ós convidados a debatir un cuestionario no que a metade das preguntas aludían á cuestións que interesan ó laboratorio patrocinador). Non teríamos nada que dicir se os protagonistas deste encontro foran particulares dispoñendo do seu tempo privado, e sen conflicto de intereses. Mais son os máximos responsables públicos da saúde mental, que van ser nin máis nin menos que “convocados” (sic) por esa entidade privada, ca lexitimidade que lle otorga a presencia da Conselleira.
Xusto cando se critica públicamente a carencia de planificación da atención á saúde mental, e a redución dos recursos e o deterioro da asistencia; cando se advirte do agravamento dos indicadores de saúde (incremento de trastornos e da taxa de suicidios); xusto agora os máximos responsables déixanse agasallar por un laboratorio farmacéutico e un lobby da privatización, aparentando unha xuntanza de traballo, para liquidar nun par de horas os grandes temas da asistencia á saúde mental. Nunca antes se fixo unha xuntanza deste nivel por iniciativa da Conselleira para definir o plan de saúde mental que se necesita. Pero por riba permiten que as conclusións da conversa as realice un membro da empresa de marketing, e llas presente para a súa discusión .. ós postres do xantar! (sic).
Para nós este acto é deplorable, desconsiderado ca xente e as súas necesidades, irresponsable por quen debe dar exemplo de austeridade e seriedade na súa función pública, favoritista cunha empresa farmacéutica concreta, e expresivo da incapacidade dos nosos gobernantes sanitarios para dar unha resposta planificadora e asistencial acaída ás necesidades urxentes en saúde mental. Mais tamén decatámonos de que é un acto principalmente de relación social, facilitador do establecemento de contacto directo entre os grandes intereses privados no negocio da atención sanitaria, e os responsables asistenciais, nun momento en que dende a Consellería preténdese un cambio na organización sanitaria. Un movemento máis na preparación da introducción de intereses privados na sanidade pública galega. E todo iso baixo o paraugas de quen ten a máxima responsabilidade da sanidade pública. O dito: ¡Deplorable!.
En Santiago a 9 de xuño de 2014
xoves, 5 de xuño de 2014
Súmate ós 10 motivos de FEAFES contra
a reforma do Código Penal
FEAFES Galicia puso en marcha esta campaña co fin de actuar contra a reforma do Código Penal impulsada polo Goberno en aquilo que afecta directamente ós dereitos das persoas con enfermidade mental.
Trátase dunha reforma sostida nos prexuízos, o estigma e o descoñecemento, que ataca frontalmente ós dereitos do colectivo ó que representa FEAFES, que perpetúa a idea errónea de que as persoas con trastorno mental son potencialmente perigosas e que xera ademais unha enorme inseguridade xurídica.
Para elo, a Confederación FEAFES editou un folleto no que resume os 10 principais motivos da nosa oposición á reforma. A difusión deste documento é fundamental para reivindicar os dereitos das persoas con enfermidade mental fronte á reforma dunha lei que, entre outras cosas, relaciona a enfermidade mental co concepto subxectivo de “perigosidade”, unha conclusión que non foi avalada por ningún estudo científico, ou que privará de liberdade a un cidadán pola mera suposición dun delito que poida cometer no futuro debido ó seu diagnóstico, algo que é contrario ás normas de dereitos humanos.
Dende FEAFES Galicia pídese ademáis o apoio da xente a esta iniciativa mediante a súa firma a través da solicitude lanzada a través da plataforma Change.org.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
